CONSORCIO

O Consorcio ten en marcha proxectos por máis de 14 millóns de euros

02/06/2009 A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, presidida polo alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, deu conta na súa reunión do martes 2 de xuño do estado das diferentes inversións aprobadas con anterioridade. Neste momento atópanse en fase de execución ou de adxudicación ou de licitación algo máis de 14 millóns de euros.

En fase de execución están 7.384.900 euros repartidos en diferentes obras, tales como a adecuación do patio da parra da Casa do Deán como Oficina de Atención ao Peregrino (543.162 euros), a restauración da antiga Calzada de Sar (739.919 euros) e as restauracións das igrexas das Orfas (100.400 euros), Santa María de Grixoa (35.120 euros) e San Roque de Sabugueira (29.678 euros). Tamén están en execución a restauración dos retablos da igrexa de San Roque (74.277 euros) e a dos retablos números 3 e 7 da Capela das Ánimas (59.812 euros). Así mesmo, están en fase de execución as obras de hidrofugación das fachadas e de climatización do escenarios do Auditorio de Galicia (207.354 euros).

Entre as obras en execución, destaca a remodelación do antigo Banco de España como sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, cunha inversión de 5.139.420 euros para 2009.

En fase de adxudicación ou licitación están 6.619.126 euros. En fase de adxudicación atópase a ampliación e mellora das instalacións e dos espazos de uso da Fundación Granell (629.896 euros), a creación do Sistema de Información Patrimonial (865.000 euros) e o servizo de conservación e mantemento dos pavimentos do recinto intramuros da Cidade Histórica (276.086 euros), entre outros. En fase de licitación están as obras de restauración dos retablos números 1, 2, 4, 5, 6, 8 e 9 da Capelas das Ánimas e a obra de execución do Museo de Historia Natural.

Durante a Comisión Executiva tamén se deu conta das diferentes obras recibidas ou finalizadas no que vai de 2009, entre as que destacan as relacionadas co parque da Alameda (plano de intervención vexetal, alumeado público e restauración de elementos singulares), por un total de máis de 779.000 euros, ou as obras de restauración da igrexa do convento das Mercedarias (95.178 euros), a reurbanización do parque de Belvís (1.141.869 euros) ou as catas arqueolóxicas no edificio do antigo Banco de España, durante as cales saíron á luz restos do foxo do século X que formaba parte do sistema defensivo.

Subvencións de rehabilitación
Ademais, aprobáronse 43 subvencións para rehabilitación na Cidade Histórica , por un importe total de 322.232 euros, repartidos da seguinte maneira: 12 subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas (38.226 euros); 3 axudas para a rehabilitación de locais comerciais (18.232 euros); 27 subvencións para a rehabilitación de elementos singulares de madeira (260.032 euros) e unha axuda para mantemento de edificios, por un importe de 5.147 euros.

Museo de Historia Natural da USC
Finalmente, formalizouse a cesión gratuíta por parte do Concello da parcela da Finca Simeón, na que o Consorcio construirá o Museo de Historia Natural "Luis Iglesias", que xestionará a Universidade de Santiago.

Compartir: