XUNTA DE GOBERNO

Máis de 260.000 euros para a rehabilitación de elementos especiais de madeira

02/06/2009 A Xunta de Goberno aprobou provisionalmente a concesión de 27 axudas para elementos especiais de madeira, por importe un importe total de 266.033 euros. Na mesma sesión, deuse o visto bo ás bases da convocatoria de subvencións para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller.

As 27 axudas para a elementos especiais de madeira quedan supeditadas á aprobación pola Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, entidade que as financia. Estas axudas poden alcanzar o 50% do orzamento, cando se manteña o elemento orixinal de madeira, ou o 40% se substitúe o elemento por un novo.

Estas subvencións teñen por obxecto fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición dos elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira. Destacan dentro deste tipo de elementos as portas de entrada aos edificios e tamén as galerías ou as xanelas.

Tamén en materia de rehabilitación, aprobáronse definitivamente as axudas para tres locais comerciais, dous deles da praza de Abastos e outro en San Paio de Antealtares. En total destínanse 18.233 euros a estas tres subvencións.

Benestar Social
En Benestar Social, aprobáronse as bases que rexerán a concesión de subvencións para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller, para o ano 2009. O orzamento para as mesmas é de 25.000. O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no BOP.

Esta axudas queren fomentar os programas e actividades que favorezan o desenvolvemento integral da muller. Trátase de promover a súa participación activa en todos os eidos e de contribuír a facer efectiva a igualdade entre homes e mulleres.

Para a concesión destas subvencións teranse en conta criterios como a colaboración co Concello na actividade, o seu carácter periódico ou permanente, o ámbito de aplicación do programa ou o carácter innovador do mesmo. O importe máximo da axuda é de 2.000 euros.

Ademais, deuse o visto bo a tres novos convenios con entidades sociais da cidade: Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais, 3.700 euros; Asociación Galega de Lupus, 2.200 euros; e Asociación Voluntarias da Caridade de San Vicente de Paúl, 4.306 euros.

Transportes
A proposta do concelleiro delegado de Transportes, acordouse solicitar a adhesión ao convenio de colaboración asinado entre o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte e a Fundación ONCE para o desenvolvemento dun programa de accesibilidade universal (extensión do servizo de taxi accesible). Deste xeito e unha vez se resolva esta solicitude, poderase facer efectiva a incorporación de tres licenzas de taxi accesible no Concello.

Cumprirase así a previsión de taxis adaptados para este ano 2009, co obxectivo de lograr un 5% de taxis adaptados en 2017. Engadirase un máis en 2011, outro en 2013, outro en 2015 e dous en 2017.

Deportes
En Deportes, aprobouse unha revisión de tarifas dos servizos prestados nas instalacións do Multiusos Fontes do Sar e do complexo deportivo Santa Isabel, cun incremento do 1,40%. A modo de exemplo, a matrícula familiar quedará nos 39 euros e a ordinaria nos 35. O abono mensual familiar custará 38,50 euros e o individual, 30,80. O abono mensual para as mañás terá un prezo de 21,40 euros. A entrada dunha hora custará 3,60 euros e a xeral 6,50 euros.

En canto ás piscinas de verán, os prezos serán de 1,75 (de 3 a 6 anos), 2,15 (de 7 a 16 anos), 3,25 (de 17 a 60 anos) e1,75 euros (máis de 60 anos).

Documentos relacionados



Compartir: