EDUCACIÓN

Clases de reforzo e obradoiros lúdicos para mellorar o nivel de inglés durante o verán

02/06/2009 A Escola Municipal de Verán de Inglés (English Summer School) volve a abrir as súas portas. Do 4 ao 13 de xuño estará aberto o prazo de inscrición para esta actividade, a desenvolver no IES Rosalía de Castro, que combina as clases de inglés con obradoiros para mellorar o nivel de inglés durante o mes de xullo.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou esta nova edición da Escola de Verán de Inglés, que permite aproveitar o tempo de lecer do mes de xullo para incrementar o dominio do inglés e á vez fomentar novas relacións socializadoras. A matrícula ten un custo de 160 euros para os que participen durante todo o curso, do 1 ao 31 de xullo, e de 100 euros para os que estean unicamente durante unha quincena. A estas cantidades aplicarase un desconto dun 20% para familias numerosas ou no segundo e posterior membro da familia que participe na Escola.

As clases, impartidas por profesorado titulado, preferentemente nativo, combínanse con obradoiros impartidos en inglés, actividades e saídas. Así, haberá obradoiros de elaboración dun libro, de cancións, teen life, magazine, role plays, pintura ou cociña elemental. Ademais, realizaranse saídas ao mercado, aos museos ou a diversos servizos do Concello. Todo isto complementado con outras actividades ao aire libre e deportivas, como xogos tradicionais ingleses ou a busca do tesouro.

A mañá, en tres bloques
A Escola terá un ano máis a súa sede no IES Rosalía de Castro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As actividades desenvólvense en tres bloques. A primeira hora da mañá, clase de inglés a modo de reforzo de todo o impartido durante o curso escolar, mentres que logo chegará a vez dos obradoiros, adaptados aos distintos niveis. A terceira parte da mañá dedicarase a saídas, xogos, manualidades ou contacontos.

Cada alumno contará, entre outros materiais, cunha mochila e cunha carpeta na que poderá gardar toda a información facilitada ao longo do curso. Tamén disporán dunha guía didáctica e dun manual para pais e nais. Ao final do curso recibirán o seu diploma acreditativo.

Compartir: