CONSORCIO

James Lovelock, Premio Fonseca 2009

26/05/2009 James Lovelock (Hertfordshire, 1919), pioneiro na historia do desenvolvemento da conciencia medioambiental no mundo, é o gañador do Premio Fonseca de comunicación da ciencia na súa edición de 2009. Este premio, convocado ao abeiro do programa ConCiencia, recaeu en 2008 no tamén británico Stephen Hawking.

O pensador, intelectual e ambientalista británico confirmou xa a súa asistencia ao acto de entrega do premio nunha data aínda por confirmar. Nesa visita, na que recibirá os 6.000 euros correspondentes e a escultura de Ramón Conde, pronunciará unha conferencia destinada ao público en xeral.

O xurado que por unanimidade decidiu o gañador nesta segunda edición estivo formado polo reitor da USC, Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director de programas desta mesma entidade, Xosé Denis; o director do programa ConCiencia, Jorge Mira; o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; o director da revista Muy Interesante, José Pardina; o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo; e o director do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, Ramón Núñez. Todos eles valoraron de Lovelock a súa "excepcional condición" de xerador de conciencia crítica.

Ampla traxectoria científica
Lovelock é o autor da coñecida Teoría de Gaia, que postula que a Terra é como un superorganismo que se autorregula. O nome de Gaia, deusa grega da Terra, foille suxerido a finais dos anos 50 polo seu amigo William Golding, Premio Nobel de Literatura en 1983.

Lovelock acredita unha ampla, rica e variada traxectoria científica, que ás veces queda oculta pola súa significación de líder ideolóxico e emblema do movemento medioambiental. Químico de formación, doutorouse en Medicina e entre os anos 40 e 50 desenvolveu investigación en centros pioneiros nos Estados Unidos, culminados na Universidade de Harvard. Estudou sobre todo o dano que se producía en células vivas no proceso de crioxenización e posterior desconxelación, acadando con éxito mecanismos para permitir esa recuperación.

Esa formación tan miscelánea levouno a unha nacente NASA en 1961. Alí creou e desenvolveu moitos dos instrumentos empregados no programa de investigación doutros planetas, con especial énfase en Marte. Precisamente na tarefa de pescudar métodos de detección de vida en Marte foi como se lle ocorreu a hipótese de Gaia.

A súa enorme popularidade oculta tamén a súa faceta como inventor (moi activa na sonda Viking, a primeira enviada pola NASA a Marte), na que destaca sobre todo coa invención do Detector de Captura de Electróns, que inventou en 1957 e é clave en cromatografía de gases para detectar trazas de compoñentes químicos no seu seo, a uns niveis indetectables por outras técnicas.

Ese limiar de detección foi clave en varios achados fundamentais da investigación medioambiental, como o descubrimento da ubicuidade de residuos de pesticidas no planeta e, sobre todo, o descubrimento de CFC na atmosfera, que el mesmo fixo nos anos 60 sobre Irlanda e a principios dos anos 70 na Antártida. Logo de escoitar un relatorio de Lovelock acerca dos resultados, os norteamericanos Frank Rowland e Mario Molina continuaron o traballo e descubriron o grave perigo que o CFC entrañaba para a capa de ozono (o escudo do planeta fronte á radiación ultravioleta), traballo polo que lles foi concedido o Premio Nobel de Química en 1995. A posterior confirmación do burato de ozono nos Polos levou aos gobernos do mundo a prohibir o uso do CFC, na que é unha das principais iniciativas medioambientais tomadas a escala mundial.

Por todas estas achegas ten recibido múltiples galardóns, en eidos que van dende a pura creación técnica ata a climatoloxía.

Líder ideolóxico
A súa posición de liderado científico, sobre todo na ciencia medioambiental, foi acompañada por un liderado pioneiro na creación de opinión pública, cuns efectos incalculables. Ese rol reforzouno a partir de finais dos anos setenta iniciando un labor divulgador máis directo coa publicación de libros claves no ideario verde. Sobre todo destaca Gaia: unha nova mirada á vida sobre a Terra, publicado en 1979, ao que lle seguirían outros moitos, todos cunha profunda pegada e récord de vendas.

Compartir: