ALCALDÍA

AGEDO incentivará a doazón de órganos en Galicia cun concerto de Lou Reed e Laurie Anderson no Obradoiro

26/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi ao presidente da Asociación Galega de Enfermos pola Doazón de Órganos (AGEDO), Jesús Pascual Pereira, e a outros integrantes da mesma. Na reunión, á que tamén asistiu a concelleira de Benestar Social, Mar Martín, comunicáronlle ao alcalde a intención de patrocinar un concerto de Lou Reed e Laurie Anderson na praza do Obradoiro o 12 de xullo.

Os representantes de AGEDO explicáronlle ao alcalde e á concelleira os detalles deste concerto solidario. Coa actuación de Lou Reed e Laurie Anderson, a entidade quere chamar a atención sobre a necesidade de incrementar a doazón de órganos en Galicia. Sánchez Bugallo comprometeu a colaboración institucional e técnica do Concello nesta iniciativa.

A de Santiago será unha das tres únicas paradas que esta parella de músicos americanos realizará en España na súa xira, xunto con Sant Feliu de Guixols (Girona) e Madrid. Na praza do Obradoiro amosarán o seu espectáculo The Yellow pony and other songs and stories.

Compartir: