ALCALDÍA

O Concello manterá no Xacobeo 2010 o modelo de colaboración que garantiu o éxito das anteriores edicións

25/05/2009 O Concello acolleu un Pleno extraordinario da Corporación cun tema monográfico, o Xacobeo 2010. Nesta sesión, solicitada polo PP, debatéronse diversos aspectos relacionados coa programación e celebración do Ano Santo.

O Goberno municipal explicou as distintas medidas que se están tomando dende a Administración municipal en prol do bo funcionamento e o éxito do Xacobeo 2010, tendo como referencia os satisfactorios resultados das anteriores edicións. Neste sentido, o alcalde reiterou que "se vai manter o modelo de colaboración" coa Igrexa e coa Xunta de Galicia que garantiu o éxito das mesmas.

Sobre cuestións concretas, como os beneficios fiscais, recordou Sánchez Bugallo que estas son aprobadas polo Consello Xacobeo, onde están representadas as Comunidades Autónomas polas que pasa o Camiño e que son só as autonomías as que as poden tramitar. Neste sentido, recoñeceu que existe un retraso na tramitación destas desgravacións fiscais.

Recordou o alcalde que na primeira quincena de xuño se reunirá a comisión de coordinación do Xacobeo creada coa Xunta de Galicia. Ademais, o Consorcio de Santiago xa presentou ao conselleiro de Cultura a súa proposta de programación para o Ano Santo. Tamén expresou a súa confianza en que o Real Patronato se reúna na segunda metade de 2009.

Outros aspectos concretos do traballo municipal cara o Xacobeo foron explicados polo concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e pola voceira socialista, Marta Álvarez-Santullano. O primeiro referiuse fundamentalmente ao labor de promoción estatal e internacional que se vén facendo do evento, á inminente reunión do Consello Sectorial de Turismo e á posta en marcha do Plan Estratéxico de Turismo 2009-2015. A segunda anticipou medidas como a creación en Raxoi dunha Oficina do Xacobeo, para xestionar a recepción de cidadáns ou os compromisos en materia de reforzo de seguridade, aparcadoiros, transporte urbano ou captación de voluntarios.

Compartir: