ALCALDÍA

Compostela e Santiago do Caçém ratifican as bases da súa colaboración

22/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Cámara Municipal de Santiago do Caçem, Vitor Chaves de Caro, asinaron o protocolo de irmandamento entre as dúas cidades. Este acto ratificaba o compromiso asinado o 11 de xullo de 2007 na vila lusa e aprobado polo Pleno municipal compostelán.

O protocolo compromete a ambos concellos a cumprir o pacto de cooperación para proxectos culturais e patrimoniais, arquitectónicos e de rehabilitación urbana. Asumen igualmente o obxectivo de levar a cabo accións solidarias e intercambio de experiencias, fundamentalmente entre a mocidade.

Para Sánchez Bugallo, este irmandamento vén a confirmar "a estreita relación entre os pobos de Galicia e Portugal". Ademais, supón "a oportunidade de recuperar a relación histórica existente entre as dúas cidades". Proba disto, apuntou, "é a iconografia e elementos comúns", como escudos, retablos ou nomes de lugares.

Un deses aspectos históricos que unen a ambas cidades, segundo recordou o alcalde, era a Orde dos Cabaleiros de Santiago da Espada, que se mantivo ata o século XVII. Un dos seus mestres foi o que fundou Santiago do Cacem.

O irmandamento tamén permitirá a posta en valor do Camiño do Sur, recoñecido unicamente de xeito oficial no seu tramo dende Lisboa. "Tamén nos permitirá recuperar as relacións cunha área de Portugal en despegue", engadiu.

José Afonso e un pasado común
Tanto Sánchez Bugallo como Vitor Chaves de Caro tiveron unha lembranza para José Afonso. Unha canción súa abriu o acto, no que se recordou a recente inauguración do parque co seu nome preto do lugar onde un 10 de maio de 1972 cantara por primeira vez "Grândola, Vila Morena", que serviu de sinal para o inicio da Revolución dos Craveis o 26 de abril de 1974.

Para o presidente da Cámara Municipal de Santiago do Cacém, é unha "honra moi grande" o irmandamento con Santiago de Compostela. Despois de lembrar os elementos que unen ás dúas cidades, "reveladores dun pasado común", rendeu homenaxe "ás mulleres e homes de Galicia, ao pobo Galego e ás figuras ilustres que Galicia ten dado ao mundo". O seu desexo é que "a colaboración sexa profunda" entre as dúas vilas. Así o deixou escrito tamén no Libro de Honra da Cidade.

Ademais das intervencións dos dous rexedores municipais e da sinatura do protocolo e no Libro de Honra, Vitor Chaves de Caro recibiu o pergameo de honra. Este correspondeu ao alcalde compostelán cun agasallo. O acto finalizou novamente con palabras de José Afonso.

Compartir: