SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello aproba as normas para as cacharelas de 2009

19/05/2009 A Xunta de Goberno aprobou as normas de xestión dos permisos para as cacharelas de San Xoán. Estas mesmas normas faranse extensivas á celebración de cacharelas durante o mes de xuño, sexa a noite do 23 o calquera outro día. As solicitudes deberán presentarse antes das 14.00 horas do sábado 13 de xuño.

Distinguirase entre a celebración de cacharelas en propiedade privada e na vía pública, neste último suposto solo poderán celebrarse as solicitadas por colectivos ou asociacións. En canto aos trámites, para as realizadas en propiedade privada poderá realizarse a solicitude a través dun banner situado na páxina web municipal ou a través da solicitude tradicional que se poderá tanto descargar na sección de trámites como solicitar na Oficina de Atención á Cidadanía (situada en Galeras). No caso das cacharelas en vía pública, o impreso terá que ser entregado persoalmente no Rexistro Xeral do Concello.

1.- Cacharelas en terreos privados

- As persoas que desexen realizar unha cacharela en terreos da súa propiedade poderán optar entre presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello antes das 14:00 horas do sábado 13 de xuño, sinalando o lugar elixido, así como tódolos datos que constan no modelo de solicitude, ou na páxina web do Concello, www.santiagodecompostela.gal

- As/os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080).

- O volume do combustible da cacharela non sobrepasará os 6 metros de perímetro nin un metro de altura.

- A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores serán como mínimo de 12 metros.

- Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen productos inflamables.

- Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

- En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.

- Ao finalizar a cacharela as/os responsables coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas.

2.- Cacharelas en espazo público

- As persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela na súa zona de residencia deberán presentar a solicitude correspondente no Rexistro Xeral do Concello antes das 14:00 horas do luns 13 de xuño, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI dos responsables da organización ou comunidade, así como tódolos datos que constan no modelo de solicitude.

- A solicitude deberá de ir acompañada por un plano de situación do espazo público no que se vai situar a cacharela, así como da situación de tódolos elementos que ademais da cacharela se coloquen no espacio autorizado.

- As/os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080).

- O volume do combustible da cacharela non sobrepasará os 6 metros de perímetro nin un metro de altura.

- A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores serán como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano.

- Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen productos inflamables.

- Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

- En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.

- No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de areas de 10 cm.

- Prohíbese a colocación e exhibición de pancartas que non estean expresamente autorizadas

- A hora límite para rematar a celebración é as 03.30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia, para a celebración de festas e romarías populares.

- Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden tolamente apagadas.

- Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade.

A concesión de solicitudes deberá de ser aprobada pola Xunta de Goberno Local, debendo de contar todas elas co visto bo do Servizo de Extinción de Incendios e da Policía Local, así como do informe favorable da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico, as que estean situadas no seu ámbito de actuación.

Prohíbese expresamente a celebración de Cacharelas de San Xoán nas seguintes prazas: Praza do Obradoiro, Praza da Quintana, Praza do Toural, San Martiño Pinario e Praza de Cervantes.

O cumprimento destas normas será verificado polo persoal do Servizo de Extinción de Incendios que, se é o caso, dará conta a Policía Municipal das infraccións.

O número de teléfono do Servizo de Bombeiros é o 080 (só emerxencias) ou o 981 542 444.

Compartir: