DEPORTES

O concelleiro de Deportes agradece a implicación de organizadores, patrocinadores e concellos na Volta Ciclista da Ascensión

19/05/2009 O vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, e o presidente do Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela, Nemesio López, presentaron os patrocinadores, maillots e trofeos da Volta Ciclista da Ascensión, que terá lugar do 21 ao 23 de maio para as categorías elite e sub-23. Tamén se deu a coñecer o portal electrónico da competición: www.voltaascension.com.

Rama subliñou que a Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009 é posible grazas ao esforzo conxunto das entidades públicas e privadas que patrocinan e colaboran coa proba. Neste caso trátase da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, o Grupo Brea e Área Central. "A Volta é un punto común de todos: das empresas privadas que co seu esforzo dedican parte dos seus beneficios a prol de actividades deportivas e que serven para potenciar aos deportistas, neste caso concreto do ciclismo, e a mellorar o seu hábitat vital que é o deporte; e tamén das institucións", afirmou.

Tamén lembrou a colaboración de "todos os concellos polos que pasa a proba. Este ano en especial temos a novidade de que unha das etapas remata nun municipio da nosa comarca. A segunda etapa ten a liña de meta no Concello de Oroso. Isto tamén é importante para que os veciños de Oroso vivan a paixón da Volta" . Rama agradeceu o papel dun dos organizadores da proba, o CC Compostelano-Muebles Compostela, por ser "o que nos impulsou a todos a que volvésemos a recuperar a Volta no ano 2007".

O concelleiro de Deportes apuntou que a Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009 é "unha das mellores probas que hai en Galicia, que pode ser un viveiro importante para ese equipo que temos na nosa comunidade, o Xacobeo Galicia. Creo que destes equipos sairán deportistas para que teñamos un bo equipo profesional como temos nestes momentos".

O acto tamén contou coa presenza do adxunto á Dirección da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, Marcial Rodríguez; de José Brea do Grupo Brea; e do xerente do Centro Comercial Área Central, Juan Carlos Losada.

Maillots e trofeos
En canto aos maillots, a Sociedade Xestora do Plan Xacobeo patrocinará o maillot amarelo que vestirá o líder da proba; o Concello de Santiago o de cor branco que lucirá o ciclista que encabece a clasificación da regularidade; o Grupo Brea o verde do Premio da Montaña; Área Central o laranxa para o primeiro nas metas volantes; Muebles Compostela o azul e branco que vestirá o mellor corredor galego da clasificación xeral e a Fundación Compostela Deporte o azul oscuro que levará o mellor sub-23.

Haberá un trofeo para o vencedor de cada unha das tres etapas; un para o líder da clasificación xeral de mellor galego ao remate de cada unha das tres etapas; e un trofeo para cada un dos tres primeiros clasificados da xeral individual o terceiro e último día da proba. O vencedor individual da Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009 levará ademais un premio especial do Concello de Santiago. Tamén haberá galardóns para o equipo vencedor da Volta e para os líderes da regularidade, do premio da montaña, das metas volantes e para o mellor sub-23. Estes últimos cinco trofeos entregaranse tamén o último día da proba.

Portal electrónico
Na páxina web da competición, www.voltaascension.com, poderanse atopar as novas da Volta. Este ano, como principal novidade, será posible contemplar as evolucións de cada etapa. E ao remate de cada unha das tres xornadas publicaranse as nota de prensa (en galego e castelán), as fotos e as clasificacións.

No portal electrónico tamén se poderán consultar os percorridos e perfís das tres etapas, os equipos participantes e o palmarés de todas as edicións anteriores da proba. Outra posibilidade consultar ou descargar o libro de ruta da presente edición os portais electrónicos das edicións do 2007 e 2008.

Equipos participantes
Cómpre lembrar que a Volta Ciclista da Ascensión terá un percorrido de 434,3 quilómetros, e contará coa participación de dezanove equipos. Estarán os galegos Cidade de Lugo-Artesanía de Galicia, CC Cambre-Renault Caeiro, PC Luís Ocaña-Cymasa, CC Padronés-Aluminios Cortizo, GD Supermercados Froiz, CC Vigués-Chint Autronic e CC Spol Caixanova; o Camargo Ferroatlántica (Cantabria); o Diputación de León-Deyser (Castela León); o Sanse Spiuk de Madrid; o PC Manzanillo-Construcciones Paulino (Asturias); Andalucía Cajasur (Andalucía); Graman Hospedería Cañete (Castela A Mancha); os valencianos Valencia Terra i Mar, Universidad Politécnica de Valencia-Bancaja e Mutualidad de Levante-Cafemax; os portugueses Crédito Agrícola Pombal e Elecler Santa María da Feira; e o Lokomotiv ruso.

Compartir: