EDUCACIÓN

"Compostela en danza" amosa as habilidades dos escolares composteláns a través de 16 coreografías

19/05/2009 O Auditorio de Galicia acollerá o 23 de maio, ás 19:30 horas, Compostela en danza. Será unha nova oportunidade de presenciar as habilidades coreográficas das alumnas e alumnos dos centros composteláns, con obras dos máis variados estilos.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou o certame acompañada da coreógrafas e profesora Beatriz Viñal, encargada xunto a Eva Cancio da organización. Xunto a elas completan o grupo de profesoras Mercedes Martínez, Silvia Miramontes, Luz Fernández e Violeta Lado. Todas elas impartiron as súas ensinanzas ás 166 alumnas e 3 alumnos entre 3 e 12 anos que participan nesta edición.

En total levaranse a escena 16 coreografías tanto clásicas como modernas: Brancaneves, Tango: No me cuentes milongas, La Bayadere, Fusión, ¡Esto es magia!, Esmeralda, Percepcións, O vals das máscaras, Discúlpame, A&O, Pío Pío, Ícaro, Apologize, Vals de Coppélia, Tango de Roxanne e Puntos de mira. O espectáculo durará unha hora e media aproximadamente.

Son seis os colexios que participan nesta edición: CEIP López Ferreiro (38 alumnas), CEIP Pío XII (20 alumnas), Colexio San José de Cluny (58 alumnas), IES Arcebispo Xelmírez I (18 alumnas e 1 alumno), Colexio Manuel Peleteiro (23 alumnas e 2 alumnos) e IES Rosalía de Castro (7 alumnas).

Documentos relacionados



Compartir: