XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as listas provisionais para as escolas infantís de Conxo e Fontiñas

19/05/2009 O Goberno local aprobou as listas provisionais de admisión e de espera para as diferentes unidades das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas.

A relación dos admitidos e de espera das dúas escolas infantís estará exposta no taboleiro xeral do Concello de Santiago e no Departamento de Educación. Os solicitantes que o desexen poderán efectuar as súas reclamacións no prazo de dez días dende a data da publicación da relación provisional.

Unha vez resoltas as posibles alegacións, elaboraranse as listas definitivas e establecerase un prazo de matrícula para todo a alumnado do 1 ao 15 de xuño.

Centros Socioculturais
En materia de Centros Socioculturais, deuse conta da sinatura do convenio subscrito coa Consellería de Innovación e Industria para a cesión temporal de uso de diverso equipamento informático para o Centro Sociocultural de Figueiras. Este acordo permitirá dotar a este barrio dunha aula informática, con material e formadores.

Benestar Social
Tamén se acordou, no ámbito de Benestar Social, solicitar unha subvención á Xunta de Galicia por 972.977 euros ao abeiro das bases reguladoras das axudas para o cofinanciamento de servizos sociais prestados polas administracións locais.

Festas
Finalmente, adxudicouse o contrato para a prestación do servizo da celebración da Festa dos Maiores, por importe de 46.728 euros máis IVE. Esta festa anual celebrarase no recinto feiral de Amio o sábado 23 de maio, no marco das Festas da Ascensión.

Documentos relacionados



Compartir: