EMPREGO

Promoción Económica edita o segundo boletín sobre o mercado laboral de Santiago

19/05/2009 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Boletín sobre o mercado laboral de Santiago de Compostela. 2º semestre 2008. A publicación recolle, en catro apartados e 40 páxinas, as características da poboación activa e da poboación desempregada, os perfís de contratación, a actividade empresarial, a evolución do desemprego e os sectores de actividade con máis ofertas laborais.

Elaborado polo Departamento de Estatística, é o segundo boletín destas características que edita a Concellaría de Promoción Económica e Emprego (o primeiro saíu en decembro de 2008). Contén datos que se completan cunha análise detallada da situación da realidade laboral do municipio. Isto que convérteo nun instrumento de consulta para todas aquelas administracións, entidades e empresas que precisen obter datos sobre o mercado de traballo en Santiago.

Segundo indicou Iglesias, este tipo de publicacións son importantes, sobre todo en momentos de crise económica, porque permiten realizar un seguimento continuado da realidade laboral e estudar a súa evolución. Os resultados desta análise axudan a desenvolver políticas activas e eficaces destinadas ao fomento do emprego, e adecuadas ás necesidades da sociedade.

O Boletín sobre o mercado laboral de Santiago de Compostela. 2º semestre 2008 ten unha tirada de 300 exemplares. A maioría deles distribuiranse entre entidades públicas e privadas vinculadas ao mundo laboral, empresarial, e do emprendemento. Entre elas, distintos departamentos da Xunta de Galicia, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, a USC, etc. O resto quedará nas Oficinas de Promoción Económica a disposición das persoas interesadas, entidades e empresas que o soliciten.

Documentos relacionados



Compartir: