NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello lanza unha campaña para dinamizar o uso do galego entre os seus traballadores

19/05/2009 A Concellería de Normalización Lingüística vén de lanzar unha campaña de dinamización lingüística dirixida á difusión de boas prácticas lingüísticas na Administración local. Leva como título A quen lle amarga un doce? Saborea o galego!.

O obxectivo xeral desta campaña, segundo explicou a concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, é obter a implicación do persoal que presta servizo na Administración local nos obxectivos do Plan xeral de normalización lingüística e nos do propio Plan do Concello. Preténdese así remover os atrancos necesarios dirixidos a garantir o uso normal da lingua galega en toda a comunicación.

Este obxectivo xeral concrétase noutros máis específicos, como o de achegar unha mensaxe positiva e atractiva que axude a promover a chamada "oferta positiva" no noso Concello, ou o de sistematizar o servizo interno de asesoramento lingüístico para mellorar o seu aproveitamento. Esta campaña ofrece tamén unha serie de recursos prácticos (dicionarios, vocabularios, libro de estilo, correctores...) para reforzar a competencia lingüística e os coñecementos normativos.

Editáronse 930 exemplares dun recipiente que contén material dirixido a traballar tanto a sensibilización lingüística cunha mensaxe positiva e próxima (folleto explicativo, autocolante e caramelos) como a formación do persoal municipal, achegando un lapis USB cunha multimedia de recursos tanto lingüísticos como tecnolóxicos ou normativos referidos ao uso da lingua.

Catro áreas
A estrutura da multimedia que se presenta tanto no USB como na propia intranet do Concello divídese en catro áreas fundamentais e unha pequena presentación de motivos.

A área de Recursos é a máis extensa e presenta unha serie de recursos seleccionados e preparados especialmente para os traballadores/as do Concello. Achéganse contidos sobre o procesador de textos, dicionarios, enciclopedias, ortografía e a linguaxe administrativa galega.

No apartado denominado "Fórmate" fálase da formación xeral de lingua (os cursos Celga e as súa probas) e dos cursos de linguaxes específicas como a administrativa ou xurídica. Esta área compleméntase con outra de "Normativa", cunha escolma de textos referidos á regulamentación do uso da lingua galega. Finalmente, "O teu PC en galego" é unha pequena guía para traballar co ordenador en galego.

Compartir: