NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A música e a voz dos máis novos uníronse na Festa das Letras para homenaxear a Ramón Piñeiro

17/05/2009 O Concello celebrou o Día das Letras Galegas, cunha singular Festa das Letras no Teatro Principal. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu un acto no que música se uniu á literatura, na voz dos escolares dos colexios Apóstolo Santiago e La Salle.

As interpretacións da Banda Municipal de Santiago foron intercalándose coa lectura a cargo dos rapaces de textos dalgúns dos máis insgines escritores galegos. Puideron escoitarse fragmentos de obras de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Xosé María Álvarez Blázquez, Francisca Herrera, Curros Enríquez; Manuel María ou mesmo García Lorca, co seu "Madrigal á cidade de Santiago". Tampouco faltaron palabras sobre o homenaxeado nesta edición do Día das Letras Galegas, Ramón Piñeiro, nin a lectura dalgúns dos seus pensamentos.

A contribución musical veu tamén da man de Manuel Cao, co seu violonchelo, e dun grupo de alumnos do colexio La Salle, que tocaron pezas tan populares como "Madama", de Mercedes Peón ou "Miña terra galega", de Siniestro Total. Estas actuacións sucederon á intervención do alcalde e precederon á interpretación do Himno Galego coa que se pechou o acto.

Esta Festa das Letras formaba parte do programa Maio das Letras, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística. As actividades continúan aínda do 18 ao 20 de maio con tres charlas obradoiro sobre o cómic e a súa linguaxe impartidas polo debuxante Fran Bueno ao alumnado de secundaria nos propios centros de ensino. Así mesmo, pódese visitar ata final de mes na Fundación Gonzalo Torrente Ballester unha exposición sobre a represión lingüística en Galicia.

Compartir: