NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello renova o seu compromiso coa normalización social da lingua galega

16/05/2009 A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, acompañada pola concelleira de Cultura, Socorro García Conde, presentou a declaración institucional que, 25 anos despois da "Declaración dos alcaldes galegos reunidos en Santiago de Compostela", realiza o Concello. Aprobada previamente en Xunta de Goberno extraordinaria, este documento demanda o impulso social da lingua galega e reitera o compromiso adquirido polo Concello no proceso de normalización da lingua.

Guadalupe Rodríguez lembrou que aquela declaración dos alcaldes recollía medidas diversas a desenvolver polos concellos, como a valoración do coñecemento do idioma para o acceso á función pública, a programación de cursos de lingua galega, o uso do galego en toda a documentación escrita e rotulación, a creación de servizos de normalización lingüística ou a promoción social do uso do galego mediante campañas en todos os ámbitos. 25 anos despois, a Corporación Municipal de Santiago quere fortalecer ese compromiso.

A declaración institucional incide en que a normalización lingüística necesita a implicación da sociedade e, para iso, "as administracións deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras que fagan partícipes do proceso normalizador ás distintas entidades, sectores e colectivos sociais". E aínda recoñecendo todos os avances, o certo é que "nestes 25 anos o uso do idioma que nos é propio retrocedeu socialmente como lingua inicial e como lingua de uso espontáneo, polo que cómpre fortalecer o compromiso das distintas administracións que teñen a obriga e responsabilidade de apoiar socialmente a normalización da nosa lingua".

Por todo isto, dende o Concello solicítase a adopción de diversas medidas, como as recollidas no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, tanto en materia de normalización lingüística na administración local, como noutros ámbitos nos que o Concello pode intervir á hora da súa aplicación.

Impulso ao emprego do idioma na Administración municipal
O Concello comprométese a impulsar o servizo de normalización lingüística municipal, e "ao uso do galego, tanto oral como escrito, por parte de todos os cargos do Concello no desempeño da súa responsabilidade pública". Tamén se fixarán "normas xerais e uniformes para a avaliación axeitada dos coñecementos de galego nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función de acordo con cada posto".

O Concello establecerá o uso do galego "como lingua inicial por defecto –oferta positiva– tanto oral como escrita, en todos os departamentos e órganos do Concello e por parte de todos os traballadores e traballadoras da administración". O emprego do galego en accións subvencionadas tamén será un aspecto a valorar nas convocatorias de axudas públicas.

A esixencia de uso dos topónimos galegos oficiais e a realización de campañas de normalización lingüística en diversos ámbitos son outros dous compromisos. Finalmente, a declaración compromete ao Concello a "actualizar o Regulamento de uso da lingua galega na administración local, onde se estabeleza, cando menos, as medidas normalizadoras sinaladas nesta declaración".

Documentos relacionados



Compartir: