FESTAS

As Festas da Ascensión acollen o primeiro campionato de skate con exhibición de profesionais

15/05/2009 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa o primeiro campionato CompostelaSkate’09, que se celebrará o venres 22 e o sábado 23 das Festas da Ascensión na explanada da Alameda. No acto estivo acompañado por dous membros do colectivo Cultura Urbana, Alberto Muíños e Marcos Cardero, ademais dunha ampla representación do movemento urbano, con Dj, skates, breakers e graffiteiros que realizaron unha exhibición por todo o alto no parque da Constitución.

Segundo o concelleiro, esta actividade ten como obxectivo achegar novas formas de lecer e cultura urbana á xuventude da cidade e crear un punto de encontro entre colectivos interesados na materia. A participación está aberta a todos os skaters que o desexen, mediante unha inscrición previa de 10 euros o propio día do evento. Para dinamizar a competición actuarán diferentes Djs e speakers.

Na primeira xornada do campionato haberá actividades continuas durante todo o día. Ás 11:00 horas comezará a primeira sesión da competición de skate, alternada con exhibicións de breakers e skaters profesionais que impresionarán a todo o público cos seus movementos e saltos. En canto á creación de graffitis, dez artistas urbanos traballarán durante a tarde realizando a súa obra creativa e compartindo as súas técnicas e recomendacións sobre a arte do graffiti.

A partir das 22:00 horas, seis bandas de hip hop (Tramaturgia, Pa la Peña, Mito Escrito e Bronquitis Crónica –do Certame de MúsicaXove– e De La Hoja e Rack Eterno) actuarán nos Concertoskate’09. O sábado 23 terá lugar a segunda sesión do campionato. Pola tarde procederase á entrega de premios:

1º- 1.000 euros e trofeo
2º- 700 euros e trofeo
3º- 400 euros e trofeo
4º- 250 euros e trofeo
5º- 100 euros e trofeo
6º- trofeo e material
7º- trofeo e material
8º- trofeo e material
9º- trofeo e material
10º- trofeo e material
Premio especial Compostelaskate’09: 300 euros, trofeo e material

Compartir: