TURISMO

O Consello Sectorial de Turismo reunirase o 26 de maio

15/05/2009 O Consello Sectorial de Turismo do Concello de Santiago, composto polos diferentes axentes vinculados co sector turístico da cidade, reunirase o 26 de maio no Auditorio de Galicia. A Concellaría de Promoción Económica e Turismo promoveu a súa constitución, que foi aprobada pola totalidade do Pleno municipal. O Consello está concebido como un foro no que todos os axentes vinculados co sector podan dialogar, colaborar e asesorar na política turística municipal.

No Consello tamén terá lugar unha presentación do avance do Plan Estratéxico de Turismo de Santiago para o período 2009-2015. O Plan Estratéxico está xa rematando a súa fase de análise e neste momentos comeza xa a elaborarse as principais liñas estratéxicas que se recomenda seguir nos vindeiros anos para a consolidación de Santiago como un destino turístico internacional de calidade. Para a súa elaboración, entre outras ferramentas, constituíronse sete grupos de expertos que trataron múltiples aspectos da realidade turística da cidade. Tras a presentación, haberá un intercambio de ideas para que os membros do Consello podan facer tamén as súas aportacións ao documento, que se prevé que esté finalizado no mes de xullo.

Comisión sobre o Ano Santo
Entre os temas que se tratarán na reunión Consello Sectorial de Turismo está a creación dunha comisión específica dentro do propio órgano sobre o Ano Santo Compostelán 2010, na que se tratarán os temas que competen ao Concello de cara ao evento, que son a correcta disposición na cidade de todos os servizos de acollida dos visitantes e os sistemas de información turística.

Tamén se falará respecto das actuacións de rehabilitación e sinaléctica nos Camiños de Santiago nos tramos municipais. Turismo de Santiago desenvolveu no 2008 un estudo integral de necesidades para a posta en valor do Camiño de Santiago. A primeira actuación levouse a cabo no verán do 2008, coa sinalización do tramo urbán do Camiño Francés. Agora desenvolveranse tres importantes obras de rehabilitación e sinalización do Camiño de Santiago, seguindo as liñas de actuación propostas nese estudo, cun orzamento global dun millón de euros, financiados polo Fondo de Investimento Local. As obras faranse no Camiño Francés e no Camiño a Fisterra, os que teñen maior fluxo de peregrinos.

O Consello está composto por representantes dos grupos municipais, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación de Hostalería de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela, Turismo de Santiago – Incolsa, a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, o Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela, o Consello Municipal da Cultura do Concello de Santiago, os Guías Turísticos de Santiago de Compostela, e tres expertos en turismo, designados polo Pleno do Consello Municipal de Turismo.

Compartir: