ALCALDÍA

O alcalde reitera a "prioridade" da nova terminal de Lavacolla

15/05/2009 A construción da terminal de Lavacolla segue a ser a "prioridade" do Concello por enriba doutros aspectos relacionados coa mesma. Así o indicou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen recalcou que AENA quere empezar canto antes a obra.

"Loxicamente intentaremos facer compatible a construción da nova terminal coa busca de solucións para o persoal e as actividades que se viñan desenvolvendo", apuntou o rexedor municipal, pero insistindo que a prioridade estaba decidida. A necesidade do novo aeroporto faise aínda máis patente, comentou, á vista dos datos que indican que "o aeroporto de Santiago non só é o que mellor resiste a crise, senón que pode seguir medrando".

Outro incremento ao que se referiu Sánchez Bugallo na súa habitual rolda de prensa semanal foi o do censo de poboación, segundo o avance dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Estimou positivo o dato e indicou que este ritmo de crecemento se manterá con seguridade ata 2012. Este prognóstico deriva do ritmo de concesión de licenzas para vivendas, que en 2008 foron 2.138 e, no que vai de 2009, 760.

Xacobeo e Cidade da Cultura
Despois da xuntanza mantida o martes 12 co conselleiro de Cultura, Roberto Varela, o alcalde felicitouno "polo esforzo que está a facer" en relación ao Xacobeo 2010. "Estamos a traballar na dirección correcta e todos xuntos", engadiu.

Noutro tema, o da Cidade da Cultura, Sánchez Bugallo expresou a súa preocupación polas informacións que falan de retrasar o remate da obra ao 2021. Demandou do novo Goberno un plan realista e o impulso das obras e expresou a súa confianza en que se manteña o compromiso de inaugurar a primeira fase en 2010.

Malia afirmar que "non é cumprible o prazo de 2012, pois un dos edificios ten un prazo de execución de 57 meses que nos situaría en 2014", considerou unha "esaxeración" o prazo de 2021. Sinalando que, "ao igual que a ninguén nos gustaría que cando se fixesen públicos os prazos do AVE se puxera a data do 2021, nin do 2017", insistiu en reclamar "unha previsión de prazos sensata e razoable". Tamén se amosou convencido de que se vai producir unha terceira redefinición de contidos da Cidade da Cultura.

Sobre outros investimentos da Xunta previstos en Santiago, Sánchez Bugallo dixo estar "á espera de saber como nos afecta" a contención orzamentaria. Referíndose en concreto á paralización do proxecto do edificio de Portos de Galicia, espera que sexa "só un aprazamento"

Compartir: