ALCALDÍA

Sánchez Bugallo anima aos composteláns a aprender coa arte de Tarsila do Amaral

14/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á inauguración da exposición Tarsila do Amaral na Fundación Caixa Galicia. Esta mostra, comisariada por Juan Manuel Bonet, permanecerá en Compostela ata o 31 de xullo.

A exposición Tarsila do Amaral é unha das primeiras e máis completas mostras dedicada á xenial creadora brasileira en Europa, e a primeira mostra individual realizada en España. A mostra reúne numerosas pinturas e debuxos, ademais doutros exemplos que delimitan a arte brasileira dos anos vinte e os seus contactos coas vangardas europeas.

A Fundación Caixa Galicia quere achegar ao público galego a obra e a vida de Tarsila do Amaral, unha figura clave na historia das artes plásticas contemporáneas en Brasil, pero moi pouco coñecida en Europa.

Na súa intervención no acto inaugural, o alcalde lembrou o éxito da exposición de Frida Kahlo na mesma sede da Fundación Caixa Galicia, que "bateu récords de asistencia", pero "non por iso Tarsila do Amaral é menos relevante ou menos decisiva", polo que espera que "o éxito sexa semellante". "Frida representaba México e Tarsila representa o Brasil, na súa riqueza, variedade e multiculturalidade", apuntou. Tamén recordou que a artista protagonista da exposición, "a pesar de provir dunha familia propietaria de escravos, abrazou ideas moi contraditorias coa súa orixe social".

O mandatario compostelán felicitou ao comisario da exposición e á Fundación Caixa Galicia polo seu "excelente traballo" e convidou ao público a "gozar e aprender coa arte". Acompañárono no acto o presidente de Caixa Galicia, José Luis Méndez, e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela.

Biografía
Tarsila do Amaral nace en 1886 na facenda San Bernardo, municipio de Capivari, interior do Estado de San Pablo. Comeza os seus estudos na cidade de San Pablo e en 1902 viaxa a Barcelona, onde completa a súa formación. De regreso no Brasil, en 1904 contrae matrimonio con Andre Texeira Pinto, con quen ten a súa única filla. En San Pablo, Tarsila toma cursos de escultura e pintura e coñece á artista Anita Malfatti.

En 1920 viaxa a París, onde perfecciona os seus estudos na Academia Julian. En 1922, a artista regresa ao Brasil e integra o chamado Grupo dos Cinco. En 1923, novamente en París, frecuenta o taller dos cubistas André Lhote, Albert Gleizes e Fernand Léger. En 1924, a artista e Oswald de Andrade, entre outros, acompañan ao poeta surrealista Blaise Cendrars nunha viaxe polas cidades históricas de Minas Gerais (Brasil). Desta viaxe xorde o período Pau Brasil de Tarsila e o manifesto escrito por Oswald de Andrade.

Entre 1936 e 1952 colabora como cronista de arte no xornal Diario de São Paulo, ao tempo que continúa pintando. En 1951 participa da Primeira Bienal de San Pablo e logo a súa obra inclúese nas edicións seguintes desta mesma bienal. En 1964 intervén na Bienal de Venecia. Tarsila do Amaral morre San Pablo en 1973.

Compartir: