EDUCACIÓN

O Concello apoia o Bacharelato Internacional do IES "Rosalía de Castro"

21/10/2005 O alcalde de Santiago de Compostela, Sánchez Bugallo e o director do Instituto de Educación Secundaria Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto, asinaron o venres 21 de outubro o convenio de colaboración para o desenvolvemento do Bacharelato Internacional.

Esta colaboración enmárcase na política educativa do Concello para potenciar todas as iniciativas que permitan mellorar as ofertas educativas, especialmente dirixidas aos composteláns máis novos.

Son 60 os alumnos os que poden participar gratuitamente neste curso no que Concello aporta 13.042 euros sobre un custo total de perto de 34.000 euros.

Ubaldo Rueda, director do IES Rosalía de Castro, destacou o esforzo que se está a facer desde o Concello para que "a cidade teña un ensino de calidade"e engadeu que "o ensino público é un elemento clave para crear un tecido social e poder integrar mozos e mozas de outras zonas, incluso doutros países, e convertilos en cidadáns de Compostela"

O IES Rosalía de Castro é o único centro público de Galicia que participa no Bacharelato Internacional o que, segundo o alcalde compostelán, amosa que "en Galicia existe un ensino público de calidade". Bugallo agarda que "este esforzo permita preparar a rapaces capaces de construir un país mellor do que reciben".

Desde 1989 o IES "Rosalía de Castro" participa nos programas educativos creados pola Organización Bacharelato Internacional (OBI), cos que se busca dar aos estudiantes unha educación máis completa que lles facilitará a súa mobilidade xeográfico-cultural e o entendemento internacional a través da participación nunha experiencia académica.

O Bacharelato Internacional é unha fundación educativa privada non gubernamental, sen ánimo de lucro e recoñecida polo Consello de Europa que conta co respaldo da UNESCO e doutras institucións europeas. Participan neste programa aproximadamente 1.000 colexios e institucións de máis de cen países.

O currículo impartido no Bacharelato prepara aos estudantes para a obtención do Diploma e do Bacharelato LOXSE, nunhas condicións moi vantaxosas que permiten aos seus graduados cumprir con requisitos de varios sistemas educativos nacionais. O seu plan de estudos non se centra no modelo de ningún país senón que incorpora os mellores elementos de cada un deles.

Documentos relacionados



Compartir: