ALCALDÍA

O alcalde salienta a calidade da oferta educativa do novo Colexio Peleteiro

14/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as novas instalacións do Colexio Peleteiro en Montouto, acompañado do director do centro, Luis Peleteiro. A obra avanza a bo ritmo, co obxectivo de que estea operativa en xuño, para atender diversos cursos de verán, e lista para comezar o curso 2009-2010.

O centro terá capacidade para uns 1.500 alumnos, dos que algo máis de 200 serán de educación infantil, outros 500 de primaria e o resto de secundaria, ocupando módulos diferenciados. Todos eles poderán beneficiarse dunhas modernas instalacións "con difícil parangón en España", en palabras de Sánchez Bugallo.

Este complexo contará con dotacións como unha ampla biblioteca –configurada como lugar central do edificio-, salón de actos, un ximnasio, residencias masculina e feminina, un polideportivo ou diversos laboratorios, entre outros servizos complementarios. Destaca tamén o amplo número de aulas especializadas e con todos os avances tecnolóxicos cos que conta o novo colexio. Nelas impartiranse dende idiomas a obradoiros artísticos, contidos audiovisuais, música ou materias relacionadas coa prensa ou coa tecnoloxía.

En total, as instalacións ocupan 85.000 metros cadrados de parcela e os edificios construídos supoñen uns 20.000 metros cadrados. O investimento nesta obra ascende aos 20 millóns de euros.

Alta calidade educativa
O alcalde declarouse "orgulloso" deste centro educativo e da "oferta de educación de calidade que ofrece en Santiago". Despois de percorrer as instalacións, cualificounas como "magníficas", pois configuran un auténtico "campus educativo". Segundo dixo, isto asegura que o Colexio Peleteiro seguirá a ser "un centro de referencia en España e Europa".

Pola súa parte, o director do centro, Luis Peleteiro, agradeceu o apoio do alcalde a este proxecto e confirmou que en xuño estarán operativas as instalacións. Incidiu en que o Colexio Peleteiro seguirá a "apostar pola calidade máis alta da educación" e por "potenciar os departamentos docentes". Con este obxectivo, salientou o alto número de aulas especializadas, perfectamente conectadas e coa máis moderna dotación tecnolóxica.

Sobre o centro comercial que ocupará o lugar que abandonará o Colexio Peleteiro no centro da cidade, o alcalde indicou que "o escenario económico é o que é". Non obstante, expresou a súa confianza en que en 2011 poida abordarse a súa construción.

Compartir: