CONSORCIO

A Real Filharmonía conmemora o segundo aniversario da morte de Haydn

13/05/2009 A Real Filharmonía de Galicia conmemora o segundo aniversario da morte de Haydn cun concerto monográfico do compositor vienés. Para a ocasión, a orquestra compostelá actuará baixo a batuta invitada de Theodor Guschlbauer, tamén vienés. A cita é o xoves 14 de maio, ás 21:00 horas.

Para o concerto, o director preparou un programa con diferentes obras de Haydn, alternando dúas sinfonías e unha marcha con dúas pezas vocais, que serán interpretadas pola soprano coreana Soojin Monn. Deste xeito, boa parte do concerto está centrado na presenza de Haydn en Londres, período no que foi adulado e acollido como unha auténtica celebridade. Alí foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Oxford, e recibiu a invitación para asistir á cea anual da Royal Society of Musicians, invitación con ocasión da cal, e a modo de agradecemento, compuxo unha marcha para orquestra, cuxa partitura autógrafa aínda se conserva nos arquivos de dita Royal Society. Tamén en Londres compuxo a Sinfonía número 97, que tamén se escoitará no Auditorio de Galicia.

A soprano coreana Soojin Moon ten un amplo e extenso repertorio e pode ser escoitada en numerosos teatros de ópera europeos e salas de concertos. Nacida en Seul, trasládase a Europa en 1995 onde continúa os seus estudos en Milán.

A orquestra compostelá, que vén de presentarse por primeira vez na Casa da Música do Porto, continuará a súa particular homenaxe a Haydn o 20 de maio, cun novo monográfico, esta vez baixo a batuta de Juanjo Mena.

Compartir: