CULTURA

A Zona "C" celebra o segundo aniversario coa presentación do seu catálogo anual

13/05/2009 Presentouse o catálogo anual da Zona "C", galería que cumpre o seu segundo ano de funcionamento. Despois deste tempo, "podemos falar xa dunha sala consolidada que ocupa un espazo que faltaba na cidade", apuntou a concelleira de Cultura, Socorro García Conde.

Segundo indicou a edil, "se ben Compostela posúe unha ampla rede de galerías de arte botábase en falta a apertura dunha sala flexible e aberta que permitise aos novos artistas da cidade intervir nun espazo cargado de historia" como son as paredes da Zona "C". A concelleira lembrou a condición da sala como un "lugar de intercambio que se estabelece, por unha banda, entre os creadores convidados e os profesionais do mundo da arte, mais tamén con outros programas preexistentes en Compostela".

Durante este último ano a Zona "C" ten colaborado co ciclo Entredanzas ou o Festival dos Abrazos, ademais de consolidar a súa colaboración co Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, do que saen algúns dos artistas que interveñen na galería de Bonaval.

Ao tempo, a Zona "C" serve para darlle saída aos participantes no Premio Auditorio de Galicia para novos artistas, que atopan nesta sala un lugar idóneo para se dar a coñecer entre o público da cidade. Así, dende a concellaría de Cultura e Centros Socioculturais convídase aos novos creadores a presentar os seus proxectos a este espazo e a participar nos devanditos premios do Auditorio.

Os creadores da Zona "C"
O catálogo presentado no acto fai un repaso en textos e imaxes á traxectoria da Zona "C" neste segundo ano de historia, incluíndo información en papel e un cd con imaxes e sons das exposicións realizadas. Ao longo deste ano foron seis os creadores galegos que interviñeron na sala: Marga Crespo, Manuel Eirís, Rita Rodríguez, Amaya González, Sara Fuentes e Montse Rego, cuxo mostra Dinero se atopa actualmente en exposición.

No acto tamén intervíu Marga Crespo que, coa súa exposición Estrutura binaria, encetou o segundo ano de actividade da galería en marzo de 2008. A artista cualificou de "moi interesante esta iniciativa por ofrecer aos creadores a posibilidade de desenvolver un proxecto específico para o espazo expositivo e, asemade, por ser o propio artista quen manexe todo o proceso de xestión e produción da mostra, a partir dun orzamento dado". Na presentación do catálogo tamén participou o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez.

Compartir: