MEDIO AMBIENTE

O 20 de maio remata o prazo para solicitar as axudas para a prevención de incendios e fomento das plantacións forestais

12/05/2009 A Xunta de Goberno aprobou a data de remate do prazo para a solicitude de subvención que a Concellaría do Medio Ambiente, destinadas a fomentar as plantacións forestais e as rozas e talas co fin de previr incendios forestais. As cantidades destinadas para estas dúas liñas de axudas ascenden a 8.000 e 7.000 euros, respectivamente, e terán que ser solicitadas antes do día 20 de maio.

As dúas subvencións son compatibles entre elas e tamén compatibles con outras para a mesma finalidade se a suma non supera o gasto realizado na execución das accións. Non se colaborará na subvención das rozas cos mesmos propietarios que accederon a mesma subvención no ano pasado. Unha vez rematadas as accións, que teñen que ser feitas dentro do ano 2009, deberán ser comunicadas ao Concello que posteriormente procederá á súa inspección.

Co obxectivo de potenciar a actividade forestal, a biodiversidade e a paisaxe, poderán ser subvencionadas as plantacións de carballo, bidueiro, castiñeiro, nogueira, cerdeira, ameneiro carballo americano que se fixeran desde o 1 de xaneiro deste ano. Serán plantas de como mínimo 50 centímetros de altura e deberán poñerse en parcelas de cando menos 500 metros cadrados de extensión, respectando as distancias mínimas e as densidades de plantación especificadas nas bases.

A contía subvencionadas é de 3 euros por planta, agás no caso do carballo americano, que será de 1,5 euros por planta. A axuda a un único interesado ou unidade familiar poderá alcanzar como máximo os 900 euros.

Prevención de incendios forestais
No caso das rozas e talas en terreos forestais, poderán optar ás axudas as asociacións veciñais e particulares que sexan propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias da totalidade dun terreo forestal incluído en áreas de especial protección dos núcleos de poboación, edificios ou urbanizacións situados a menos de 400 metros do mente. Tamén se inclúen as novas urbanizacións e edificacións en zonas de alto risco de incendios. Neste caso as axudas comprenden as accións realizadas desde o 1 de xaneiro e terán que estar finalizadas antes do día 30 de xuño.

Para acceder a estas axudas hai que realizar os traballos preventivos que diminúan a carga e a continuidade do combustible vexeta mediante a realización de rozas (mecanizadas ou manuais) de xeito selectivo, respectando os cultivos agrícolas e as especies vexetais protexidas pola lexislación vixente. Esta actuacións comprenderán unha franxa de 100 metros arredor de calquera edificación, urbanización obras ou instalacións industriais ou eléctricas situadas a menos de 400 metros do monte.

Medio Ambiente de Santiago subvencionará ata un máximo do 80% dos gastos xustificados, aplicando uns baremos. Así, na roza e tala manual, establécese un prezo máximo de 800 euros/hectárea e unha subvención máxima de 640 euros/hectárea. No suposto de roza mecanizada, o prezo máximo queda fixado en 288 euros/hectárea e a subvención máxima en 230 euros/hectárea.

Compartir: