ALCALDÍA

O alcalde reestrutura as áreas de Goberno para "mellorar a súa eficacia e dar un novo impulso cara o Xacobeo 2010"

12/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou unha reestruturación de varias áreas de Goberno, de tal xeito que varias concellerías cambias de titular e mesmo de denominación para "facelas máis compatibles e coherentes unhas con outras. Este cambio, segundo o alcalde, responde á un desexo de "mellorar a eficacia e de dar un novo impulso cara o Xacobeo e cara a segunda parte do mandato".

Entre as modificacións, Sánchez Bugallo salientou o impulso que se quere dar ás relacións veciñais e á Casa das Asociacións. Dese labor encargarase Guadalupe Rodríguez, que asume a Concellería de Participación Cidadá. Ademais, continúa á fronte de Normalización Lingüística.

Outro cambio acontece na Concellería de Facenda, cuxa responsable pasa a ser Rosa Fernández Somoza. Engade así esta competencia ás que xa ten de Interior, Persoal e Reforma Administrativa. O alcalde explicou que esta nova competencia é "complementaria" das que xa posúe e ten que ver co "axuste que se vai producir na área de Facenda pare mellorar a súa xestión". "Trátase de reforzar o seu funcionamento", engadiu.

Da elaboración e posta en marcha do Plan de Mobilidade –unha prioridade do Goberno municipal- encargarase o concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves. Pola súa parte, Marta Álvarez-Santullano continúa a ser concelleira de Seguridade Cidadá, Protección Civil, Extinción de Incendios e Circulación Vial, así como concelleira de Servizos e secretaria da Xunta de Goberno.

Bernardino Rama une á súa responsabilidade de Obras e Infraestruturas a de Deportes. O anterior concelleiro desta última área, Andrés Fariña, faise cargo dunha delegación de nova creación, Relacións Institucionais, de apoio á Alcaldía. Tamén asume Sanidade, Consumo e Mercados.

Outra concelleira que suma outra delegación é Mercedes Rosón, que pasa a ser concelleira de Educación. Segue tamén á fronte de Urbanismo e Vivenda. Pola súa parte, Xosé Baqueiro conserva Xuventude e Festas. Finalmente, a Concellería de Benestar Social, encabezada por Mar Martín, cambia na súa denominación o epígrafe de Muller polo de Igualdade. O resto de Concellerías continúa coa súa anterior estrutura.

O alcalde pechou a súa intervención recordando que a Lei de Grandes Cidades lle concede ao Concello a posibilidade de nomear ata tres concelleiros non electos. Indicou que "é unha posibilidade non descartada, pero non está tomada esa decisión".

Documentos relacionados



Compartir: