XUNTA DE GOBERNO

Listas para o seu comezo as últimas nove obras do FIL

12/05/2009 Coa adxudicación definitiva das últimas nove obras financiadas polo Fondo de Investimento Local (FIL), segue a executarse segundo o previsto o programa de execución das 33 obras. Precisamente o martes 12 comezarán seis obras e todas estarán en marcha o 28 de maio.

Adxudicadas provisionalmente na Xunta de Goberno do 27 de abril, eleváronse a definitivas as contratacións para obras relativas á reurbanización do Ensanche vello e en Xeneral Pardiñas, á mellora nos Camiños de Santiago e á reformas nos centros socioculturais.

A reurbanización das rúas Gómez Ulla, Laverde Ruíz, Santiago de Guayaquil e Neira de Mosquera supón un investimento de 1.109.064 euros máis IVE e dará emprego a 43 persoas. Os prazos de execución son de 3 meses e 18 días na rúa Gómez Ulla e de 2 meses e 21 días nas outras tres rúas.

Tamén se adxudicaron definitivamente as obras de reurbanización da rúa Xeneral Pardiñas, no tramo comprendido entre Montero Ríos e Carreira do Conde, por importe de 603.448 euros máis IVE e un prazo de execución de 4,5 meses. Nesta obra ocuparanse 52 persoas, das que 23 están integradas na empresa e 29 son de nova contratación.

Outras tres obras teñen que ver con melloras no Camiño de Santiago: integración paisaxística do entorno do Camiño Francés na N-634, rehabilitación e sinalización deste Camiño Francés no termo municipal, e rehabilitación e sinalización do Camiño de Santiago a Fisterra. Estas tres actuacións supoñen un investimento conxunto de 862.077 euros máis IVE. As obras ocuparán a 32, 30 e 25 persoas, das que 9, 7 e 5 serán de nova contratación. Os prazos para estas obras son dun mes e medio.

Finalmente, adxudicouse tamén definitivamente a reforma e acondicionamento de edificios da rede de centros socioculturais: A Trisca, Conxo, Vite, Amio, Busto, Marantes, Grixoa, Nemenzo, Lamascal. O custo será de 259.000 euros máis IVE e o prazo de execución establécese en 189 días. Nesta obra ocuparanse 26 persoas, das que 17 están integradas na empresa e 9 son de nova contratación.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, acordouse a cesión do Bloque D da Finca Simeón para a construción do Museo de Historia Natural "Luis Iglesias". Trátase dunha parcela rectangular de 1.980 metros cadrados de superficie.

Este edificio, deseñado polo arquitecto César Portela, completará a urbanización e os equipamentos culturais da Finca Vista Alegre. O Consorcio asume a construción deste Museo, que xestionará a Universidade de Santiago.

Por outra parte, adxudicáronse provisionalmente dous servizos: un para a adaptación da cartografía municipal a un modelo de datos para a súa transformación en formato GIS e outro para migrar os datos da devandita cartografía escala 1:500 en formato CAD a formato GIS. O importe das adxudicacións é de 28.800 e 55.860 euros máis IVE, respectivamente.

Relacións Veciñais
O Goberno local acordou tamén a realización e o calendario do programa "Coñecendo o País", coas 39 viaxes solicitadas por 20 asociacións de veciños interesadas no programa, así como a adxudicación das referidas excursións por un importe de 28.782 euros.

Deste montante global, corresponderalle ao Concello o 60% (17.269 euros) e o restante 40% ás asociacións veciñais beneficiarias (11.512 euros), nos conceptos de transporte en autocar, guía oficial, seguro de accidentes de viaxe e IVE.

Benestar Social
A proposta da concelleira de Benestar Social e Muller, aprobouse un orzamento de 12.000 euros para a realización do proxecto Municipios pola Igualdade. Esta iniciativa pretende analizar a situación na que se atopa a implementación das políticas de igualdade e equidade de xénero na Administración municipal. O contrato para a súa elaboración adxudicouse ao Seminario de Mulleres e Universidade.

Ademais, deuse o visto bo a un orzamento de 1.057 euros para o Programa de Pais e Nais para a Educación "Comunicación na adolescencia. Cando todos falamos, ¿quen escoita", ao abeiro do convenio de cooperación do Programa de prevención de drogodependencias entre a Consellería de Sanidade e o Concello. O obradoiro pretende achegar a pais e nais estratexias e información que melloraren a comunicación cos seus fillos e fillas.

Facenda
No ámbito de Facenda, adxudicouse provisionalmente o Servizo de asesoramento e colaboración na inspección fiscal dos tributos do Concello de Santiago. A empresa adxudicataria recibirá un 18% sobre as cantidades netas recadadas nos procedementos de comprobación e/ou inspección fiscal.

Mobilidade
Outro acordo da Xunta de Goberno foi a determinación da substitución de lámpadas de incandescencia por lámpadas de leds nos semáforos de: cruce da avenida de Castela co Burgo das Nacións, cruce das rúas Hórreo e Pitelos, cruce das rúa Galeras e García Sabell, praza Ponte Castro e paso de peóns na semirotonda da Choupana. O importe da adxudicación é de 23.937 euros máis IVE.

Festas
Cara ás Festas da Ascensión, o Goberno local aprobou un gasto de 16.553 euros para a celebración da Feira Cabalar da Ascensión, así como a súa adxudicación. Este evento inclúe actividades como o concurso de cabalos de pura raza galega ou a a escola infantil de monta e ponis.

Sanidade
Finalmente, deuse conta da concesión por parte da Consellería de Sanidade dunha subvención de 53.631 euros para a creación dunha Unidade Concello Saudable integrada cando menos por dous profesionais: un con formación universitaria en actividade física e deporte e outro con formación académica en alimentación e nutrición humana.

Documentos relacionados



Compartir: