DEPORTES

As seleccións de baloncesto feminino de España e Cuba enfróntanse en Sar

12/05/2009 O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, presentou en rolda de prensa o partido internacional que enfrontará ás seleccións de baloncesto feminino de Cuba e España. O partido celebrarase o domingo 17 de maio, ás 18:00 horas, no Multiúsos Fontes do Sar.

Este partido é preparatorio para o EuroBasket Feminino que se celebrará en Letonia do 7 ao 20 de xuño. Neste campionato, España estará encadrada no Grupo A xunto con Ucrania, República Checa e Eslovaquia. No último Europeo, celebrado en Italia en 2007, España foi subcampiona.

Un protocolo asinado polo Concello coa Federación Galega de Baloncesto fixo posible este partido. En representación do ente federativo compareceu na rolda de prensa o seu presidente, Francisco Martín.

Cambio no contrato
Precisamente, na Xunta de Goberno do martes 12 de maio aprobouse o novo contrato entre o Concello e a Federación Galega de Baloncesto para a celebración deste partido. A nova cantidade a abonar á FEG é de 7.000 euros. Como compensación pola modificación do calendario inicialmente previsto (estaba previsto un segundo partido contra Australia, selección que non pode asistir), a FEG traballará na organización dun campus de baloncesto que se desenvolverá o venres 15 no mesmo escenario e ao que se invitará aos clubs de Santiago que teñan equipo infantil feminino, e no que participarán as xogadoras da selección española.

Compartir: