EDUCACIÓN

Maio das Letras continúa con monicreques para os pequenos

11/05/2009 Dende o martes 12 de maio e ata o xoves 14, os máis pequenos poderán gozar con varias representacións de monicreques, dentro das actividades organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, dentro do programa Maio das Letras 2009.

Os días 12, 13 e 14, na Fundación Granell, representarase o espectáculo de monicreques Os Barballocas van de camiño. Nestas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, participarán alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria, que poderán gozar das aventuras destes monicreques salvadores da lingua galega.

O programa Maio das Letras 2009 continúa o propio Día das Letras Galegas, o domingo 17, xornada para a cal a Concellería de Normalización Lingüística preparou unha Festa das Letras, con actuacións musicais abertas –entre elas a da Banda Municipal de Música-, reparto de libros e lectura de textos. Celebrarase a partir das 12:00 horas no parque de Bonaval e coa colaboración dos colexios La Salle e Apóstolo Santiago.

O cómic e a súa linguaxe tamén terán un especial protagonismo no calendario de actividades, grazas ás charlas-obradoiro impartidas polo debuxante Fran Bueno ao alumnado de secundaria nos propios centros de ensino. Terán lugar os días 18, 19 e 20 de maio. Así mesmo, pódese visitar ata final de mes na Fundación Gonzalo Torrente Ballester unha exposición sobre a represión lingüística en Galicia.

Compartir: