EMPREGO

Nove cursos formarán a 130 persoas en especialidades da construción

11/05/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os cursos de Formación Ocupacional que lle acaba de conceder a Consellería de Traballo ao Concello de Santiago. Son cinco: Electricista de Edificios, Instalador de sistemas de enerxías solar térmica, Fontanería, Ferrallista, e Instalador de gas.

O obxectivo destes cursos é formar a persoas desempregadas en especialidades consideradas novos xacementos de emprego. Todas as accións formativas, que está previsto que comecen a principios de xuño, pertencen á construción, un sector no que se ven incrementando, dende hai meses, a demanda de formación especializada. Está previsto que na última semana de maio se seleccione ao alumnado.

Ademais, Xosé Manuel Iglesias anunciou a apertura do prazo, que comeza o luns 11 de maio e finaliza o día 25 do mesmo mes, para inscribirse en catro cursos máis do Plan de Formación 2009 correspondentes ao sector da construción. Son Instalacións de fontanería en tubeiras multicapa (30 horas), Reformas e mantemento de edificios (24 horas), Operador/a de carretillas elevadoras e dumper (30 horas) e Enerxía solar fotovoltaica (30 horas). Todos eles son presenciais e está previsto que comencen na primeira semana de xuño.

A Concellaría de Promoción Económica decidiu adiantar o desenvolvemento destes catro cursos, previstos en principio para setembro, ante a gran cantidade de solicitudes recibidas para formarse nun sector, o da construción, no que, como xa se apuntou, cada vez hai máis demanda de formación especializada. En dúas semanas que durou o prazo de inscrición dos tres cursos que se están impartindo e nos que se forman 45 persoas, recibíronse 90 solicitudes. Son Análise de proxectos de enerxías renovables (36 solicitudes), Talla en cantería (21 solicitudes) e Operador/a de maquinaría de obras Públicas (33 solicitudes).

Documentos relacionados



Compartir: