ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Os tres aparcadoiros creados no Ensanche compensan as prazas que se perderon en superficie"

11/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou en rolda de prensa que "o Concello está a facer un enorme esforzo en regularizar o aparcadoiro". Neste sentido, sobre a perda de prazas en superficie, apuntou que "cando fixemos os estacionamentos e Romero Donallo, Praza Roxa e A Rosa, anticipámonos ao proceso de urbanización; estes tres aparcadoiros compensan sobradamente as prazas perdidas en superficie".

Segundo Sánchez Bugallo, as obras de urbanización dos últimos anos supuxeron unha perda de 600 prazas de aparcadoiro en superficie, ás que se unirán as 200 que se suprimirán coas novas obras previstas. Fronte a isto, dixo, entre os aparcadoiros de Romero Donallo, Praza Roxa e A Rosa creáronse 1.500 prazas. Por isto, considerou que se fixo unha "substitución adecuada".

"O que non son é gratis", afirmou o alcalde, aclarando que o debate estaba en se tiñan que pagar o estacionamento "todos os cidadáns a través dos seus impostos ou os usuarios doa aparcadoiros". Ante isto, dixo, o Concello optou pola segunda alternativa, xa que "entre os que pagarían hai moitos que non son usuarios do servizo".

Sobre a posibilidade de construír aparcadoiros para residentes, lembrou que se fixeron intentos en Vista Alegre e na rúa de San Pedro, pero a escaseza de solicitudes revelou a súa escasa demanda. Tampouco se descarta un aparcadoiro deste tipo na zona norte se a demanda é suficiente.

Tamén a este respecto, recordou que nos tres aparcadoiros citados se fixeron reservas de praza para residentes. Unicamente se cubriron as 150 do da Praza Roxa, mentres que en Romero Donallo ou na Rosa non se chegaron a cubrir.

Sánchez Bugallo insistiu en que se ten feito unha "substitución superior" á supresión de prazas. "Entre todos os aparcadoiros do Ensanche hoxe hai unhas 2.600 prazas de aparcadoiro soterrado, que son máis das que nunca tivo esta zona en superficie", engadiu.

Rematou o alcalde a súa intervención sobre este tema demandando a implicación da Comunidade Autónoma, como posuidora das competencias, para por en marcha "unha alternativa de transporte público potente". "O que non se pode é cargar sobre a cidade central todos os problemas derivados do tránsito de cidadáns dos concellos limítrofes", concluíu.

Visita a Bos Aires e Montevideo
O alcalde tamén fixo balance da súa viaxe a Arxentina e Uruguai e reiterou o seu compromiso de "seguir en contacto permanente coa nosa comunidade exterior, que se vén incrementando nos últimos anos debido aos procesos de nacionalización". Entre as súas visitas, destacou a realizada ao Colexio Santiago Apóstolo, "o único do mundo fóra de Galicia que imparte o currículo da Consellería de Educación, con clases en galego e castelán".

Tamén destacou os contactos institucionais coas autoridades de Bos Aires e Montevideo, e o labor de promoción do Xacobeo 2010. Neste sentido, agradeceu a colaboración da Delegación da Xunta en Bos Aires e salientou a asistencia de máis de 60 operadores turísticos na capital arxentina, que amosaron un "grande interese por programar estancias e visitas en Santiago durante o Ano Santo".

Contactos con Núñez Feijoo cara o Xacobeo 2010
Precisamente sobre o Xacobeo, o novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, chamou en dúas ocasións ao alcalde para falar desta cuestión e para preparar unha próxima xuntanza ou unha visita institucional. Malia o retraso producido polo período electoral, Sánchez Bugallo afirmou que "estamos en condicións de asegurar a promoción e a acollida dos visitantes". Resaltou que o Xacobeo é "un produto maduro" e que "os equipos e a experiencia xa os temos".

O alcalde comprometeu a "leal colaboración do Concello" para lograr o éxito do Ano Santo 2010. Así llo manifestou ao presidente da Xunta e ao novo conselleiro de Cultura. Neste sentido, expresou a súa confianza en que traballarán para iso os novos cargos á fronte de Turismo e do Xacobeo, cos que espera reunirse en breve.

Nomeamentos na Xunta
Tamén sobre nomeamentos, tivo un recordo para o xerente de EMUVISSA, José Manuel Rey Pichel, que pasa a ocupar o cargo de director xeral de Patrimonio Cultural, e do arquitecto desta entidade en excedencia, Manuel Borobio, novo director xeral de Sostibilidade e Paisaxe. Expresou a súa satisfacción porque a Empresa Municipal de Vivenda e Solo sexa un "viveiro de altos cargos" e agradeceu aos nomeados "a súa profesionalidade e traballo".

Compartir: