CONSORCIO

O Consorcio entrega as súas publicacións á Biblioteca Pública Ánxel Casal

12/05/2009 O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregou as publicacións deste organismo á Biblioteca Pública Ánxel Casal (avenida Xoan XXIII). Doáronse dous ou tres exemplares de cada un dos 120 libros que integran a colección do organismo interadministrativo.

O alcalde expresou a súa satisfacción por esta entrega de libros "á biblioteca que tantos desvelos nos deu e da que tan orgullosos estamos". Son máis de 120 libros que se encadran nas seis bibliotecas ou coleccións nas que se divide o seu fondo: a Biblioteca Facsimilar Compostelana, a Biblioteca Científica, a Biblioteca Literaria, a de Divulgación Xacobea, a de Imaxes e a Infantil e Xuvenil.

Dende que se editara o primeiro libro por esta institución no ano 1993, son máis dun cento as edicións que teñen como referente a historia, a arte, a sociedade ou a literatura da cidade de Santiago. O que sempre se procurou dende o Departamento de Publicacións do Consorcio de Santiago é reforzar a presenza cultural da cidade no campo bibliográfico.

As publicacións que se entregaron á Biblioteca Pública son xa un referente de consulta dentro dos máis variados campos de investigación. Deste xeito, este fondo pasará a estar a disposición dos composteláns que queiran consultar unha ampla bibliografía sobre a cidade do Apóstolo.

Nestes anos, as publicacións do Consorcio conseguiron ser un referente bibliográfico para temas da cidade. Autores como Ángel Valente, Uxío Novoneyra, García Bodaño, Neira de Mosquera, Gonzalo Torrente, Gerardo Diego, García Lorca ou Aurelio Aguirre forman parte do seu fondo. Tamén no campo da divulgación e da investigación nomes como Ofelia Rey Castelao, Xoán Carmona, Manuel Núñez, Alfredo Vigo, Manuel Castiñeiras, Andrés Rosende, Miguel Taín, Fernado L. Alsina, Carlos Martí, Antonio Fraguas ou Antonio Iglesias, entre outros, contaron co servizo de publicacións do Consorcio para a edición dos seus estudos máis recentes.

Unha das bibliotecas que merece unha atención especial é a dedicada ao público máis novo. O Consorcio ideou a súa biblioteca Infantil e Xuvenil, que en pouco tempo acadou un éxito notable ao editar as coleccións de Sar e Sarela, a de Branco de Cores e a serie de biografías de personaxes históricos da cidade.

Compartir: