CULTURA, CIDADE HISTÓRICA E MEDIO AMBIENTE

"A revolta das letras", unha conspiración de actividades en prol da lingua galega

08/05/2009 As Concellarías de Cultura, Cidade Histórica e Medio Ambiente poñen en marcha "A revolta das letras", un novidoso e peculiar programa de actividades arredor da lingua galega. Celebrarase o sábado 16 de maio en distintos espazos da cidade.

O programa de "A revolta das letras" foi presentado polas concelleiras de Cultura, Socorro García; de Cidade Histórica, Olga Pedreira; e de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos. Trátase dunha iniciativa "reivindicativa e libertaria que pretende pór en valor o galego como unha lingua viva, amosando a rica produción cultural que dela se fornece", en palabras da primeira.

O variado programa de actividades que se vai desenvolver ao longo do sábado 16 de maio en distintos espazos da cidade procura a participación da cidadanía para dotar de contido á xornada. Neste sentido, Socorro García referiuse ao "delicado contexto sociolingüístico" que rodea o Día das Letras de 2009 e lamentou a perda de falantes de galego entre os máis novos e as políticas lingüísticas anunciadas pola nova Administración autonómica. "A festividade das letras non debe limitarse á homenaxe a un persoeiro das nosa literatura, senón que debe fomentar dun xeito activo o uso do galego no país", engadiu.

A programación de "A revolta das letras" abranguerá toda a xornada do 16 de maio. Os máis pequenos da casa poderán visitar o espazo nomeado Caixa de mistos, na praza da Quintana, onde se proxectarán curtametraxes en galego destinadas a un público infantil. Na mesma praza montarase un set de gravación no que o público participante poderá compoñer un cadáver exquisito, e desenvolverase un maratón fotográfico no que cadaquén poderá pendurar imaxes arredor do noso idioma.

Posta en valor do patrimonio histórico e natural
Pola súa parte, a concelleira de Cidade Histórica, Olga Pedreira, destacou a condición de Compostela como capital de Galicia e posuidora dun patrimonio cultural e arquitectónico de prestixio, do que o idioma é un elemento primordial. Salientou a integración de diversas actividades do programa no patrimonio arquitectónico da cidade, como é o caso da Arte na rúa, que se vai desenvolver na praza do Toural, ou da Conspiración de poetas, que vai ter lugar en Cervantes.

Para rematar falou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, que destacou o patrimonio natural de Compostela, non só polo seu valor ambiental, senón como un punto de encontro e participación da cidadanía. A edil presentou a actividade nomeada Turismo mental, que partirá da Alameda e rematará no parque de Bonaval, percorrendo da man de Quico Cadaval espazos da cidade senlleiros no emprego do galego como elemento dinamizador.

Documentos relacionados



Compartir: