DEPORTES

Aberta unha nova edición do Concurso de Fotografía Deportiva

08/05/2009 A Concellería de Deportes pon en marcha o XIII Concurso de Fotografía Deportiva. Este certame premia as mellores fotografías sobre temas deportivos e relacionados con calquera faceta ou práctica deportiva, non necesariamente competitiva. Repartiranse máis de 2.000 euros en premios.

O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, presentou esta nova edición do Concurso de Fotografía Deportiva. Os interesados teñen ata as 14:00 horas do 3 de xuño para presentar un máximo de tres fotografías. O primeiro clasificado levará 1.000 euros, mentres que o segundo e o terceiro levarán 700 e 400 euros, respectivamente. A maiores, o xurado poderá outorgar dous accésits.

As fotografías deben ter un tamaño mínimo de 20x25 centímetros, montadas sobre unha superficie ríxida. Cada fotografía terá que presentarse nun sobre independente, incluíndo o negativo, diapositiva ou arquivo dixital en JPEG, e un sobre pechado cos datos de identidade e contacto do concursante. Non poderá concursar traballos premiados noutros certames.

Os sobres deberán entregarse nas oficinas do Departamento de Deportes
no Estadio Municipal de San Lázaro (porta principal). Tamén se poden mandar por correo certificado ou mensaxería. A decisión do xurado farase pública o 5 de xuño.

Na edición de 2008, a fotografía gañadora foi a titulada Esforzo, de Alberte Sánchez Regueiro. O segundo premio foi para José María Vicente López, polo seu traballo Arte Acuático I, mentres que o terceiro foi para Mª M. López Cacheda, por unha instantánea denominada Arqueiro.

III Xira Galega de Karting
Despois desta presentación, o concelleiro de Deportes dirixiuse á zona dos aparcadoiros de San Lázaro para inaugurar a III Xira Galega Karting en compañía dos patrocinadores da actividade. Ata o 17 de maio estará aberto este circuíto, no que haberá un horario só para escolares, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. Para o público en xeral, a instalación estará aberta polas tardes de luns a domingo.

Documentos relacionados



Compartir: