EMPREGO

O Servizo de Orientación Laboral da Concellaría de Promoción Económica atendeu a 625 persoas no último ano

07/05/2009 O Servizo de Orientación Laboral da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo atendeu no último ano a 625 persoas. Os datos están recollidos na Memoria de actividades que abarca dende o 1 de abril de 2008 ao 30 de marzo de 2009.

Das persoas usuarias do servizo, 370 (o 59,2%) son mulleres. O documento tamén reflicte que 325 usuarias e usuarios acudiron voluntariamente para solicitar información sobre aspectos relacionados co mercado de traballo; sobre todo formación, programas experimentais de emprego, e obradoiros de emprego que desenvolve a Concellaría ou outras administracións públicas. Os outros 300 foron convocados para unha entrevista por outras entidades, a maioría a través do Servizo Público de Emprego da Xunta de Galicia.

Os sectores profesionais máis demandados polas persoas usuarias para acceder ao mercado laboral son o sector servizos, con 398 solicitudes (o 63,7% do total), a construción, con 89 solicitudes (o 14,2%); a industria, con 51 solicitudes (o 8,2%); e medio ambiente, con 32 solicitudes (o 5,1% do total). Outros sectores demandados son o audiovisual e o sanitario.

O Servizo de Orientación Laboral ofrecido pola Concellaría nas oficinas situadas na porta 9 do Estadio de San Lázaro, está dirixido a todas as persoas que buscan un emprego ou ás que queren mellorar as súas expectativas laborais. Acaba de recibir unha subvención da Consellería de Traballo de 46.848 euros (cofinanciados polo Fondo Social Europeo e pola Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais) para realizar actividades de información, orientación e busca de emprego ata marzo de 2010.

O obxectivo do Servizo de Orientación Laboral é promover un sistema de orientaciòn profesional que informe e acompañe ao demandante de emprego na busca activa dun traballo mediante pasos concretos, efectivos e adaptados a cada situación individual.

Compartir: