ALCALDÍA

O alcalde visita o Fogar Español e departe con emigrantes galegos en Montevideo

06/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o Fogar Español, onde residen 211 emigrantes españois de escasos recursos económicos, dos que arredor dun 80% son galegos. O Fogar conta tamén cun centro de día que atende a 34 residentes temporais, cuxas prazas son financiadas pola Fundación Galicia Emigración. Nos últimos anos o Fogar experimentou un cambio importante en canto a infraestruturas e acondicionamento.

Os maiores que ingresan na institución son aqueles de idade máis avanzada e con máis problemas de saúde. O financiamento do Fogar faise a través do Goberno español, diversas autonomías, o Goberno uruguaio e as achegas de socios, donacións e legados. Precisamente vaise celebrar a Asemblea Xeral de Socios, onde se aprobará o cambio do sistema de achegas que, segundo explicou o presidente do centro, José Luis Peña, ao alcalde, "asegurará a estabilidade económica", xa que a partir de agora as achegas faranse per capita, do mesmo xeito que nun centro concertado.

O alcalde anovou o compromiso de colaboración coa residencia, onde viven varios emigrantes da comarca compostelá. Ademais, a directiva do centro e o cónsul xeral adxunto, José A. Ruiz de Casas, que acompañou ao alcalde na visita, pediron a súa mediación coa Xunta de Galicia e con residencias públicas e concertadas da comarca para que persoal do centro poida formarse en Santiago de Compostela.

Posteriormente, o alcalde visitou a Casa de Galicia e o Padroado da Cultura Galega, unha das institucións culturais galegas máis activas de Uruguai, onde participou na gravación do programa de radio "Sempre en Galiza", e por último o Centro Galego de Montevideo, onde departiu con arredor dun cento de santiagueses residentes en Uruguai.

Para o xoves 7 está previsto que Sánchez Bugallo se reúna coa Unión de Sociedades Galegas e co intendente de Montevideo, Ricardo Elrich, antes de partir cara a Santiago.

Compartir: