EDUCACIÓN

Cinco mil rapaces inundaron as rúas de Compostela nunha nova edición de Correlingua

07/05/2009 Celebrouse unha nova edición de Correlingua, que tivo como punto de partida e remate a Alameda de Santiago. Na meta, a concelleira accidental de Normalización Lingüística, Mercedes Rosón, recibiu os participantes, xunto cos demais organizadores do evento.

Baixo o lema "En galego, pásao", o Concello de Santiago colaborou un ano máis na carreira escolar pola lingua Correlingua, que nesta ocasión contou coa participación de cinco mil alumnos e alumnas dos centros de ensino de Compostela.

Esta actividade enmárcase no programa Maio das Letras 2009, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística, no que tamén se inscriben outros actos como a charla sobre o libro A represión lingüística en Galiza, de Pilar Freitas, que terá lugar o mércores 6, ás 19:30 horas, na Fundación Gonzalo Torrente Ballester. A continuación, a concelleira Mercedes Rosón inaugurará unha exposición sobre o tema que permanecerá aberta durante todo o mes de maio.

Os días 12, 13 e 14, na Fundación Granell, representarase o espectáculo de monicreques Os Barballocas van de camiño. Nestas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, participarán alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria, que poderán gozar das aventuras destes monicreques salvadores da lingua galega.

O Día das Letras Galegas, o domingo 17, a Concellería de Normalización Lingüística preparou unha Festa das Letras, con actuacións musicais abertas –entre elas a da Banda Municipal de Música-, reparto de libros e lectura de textos. Celebrarase a partir das 12:00 horas no parque de Bonaval e coa colaboración dos colexios La Salle e Apóstolo Santiago.

O cómic e a súa linguaxe tamén terán un especial protagonismo no calendario de actividades, grazas ás charlas-obradoiro impartidas polo debuxante Fran Bueno ao alumnado de secundaria nos propios centros de ensino. Terán lugar os días 18, 19 e 20 de maio.

O Correlingua está organizado polos concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega–Ensino (CIG-Ensino), e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Compartir: