BENESTAR SOCIAL

Os composteláns xa poden intercambiar os seus servizos e coñecementos no Banco Municipal do Tempo

06/05/2009 O Concello de Santiago, a través da Concellería de Benestar Social e Muller, pon en marcha o Banco Municipal do Tempo. Esta iniciativa promove o intercambio de servizos, actividades e coñecementos entre a poboación.

A concelleira de Benestar Social e Muller, Mar Martín, presentou este novo Banco Municipal do Tempo, que xorde como un instrumento para impulsar a vida comunitaria. Está encamiñado a resolver as necesidades da vida cotiá e mellorar a calidade de vida da sociedade. Acompañárona as dúas técnicas que se encargarán deste Banco, María Varela e Claudia Robledo.

O seu funcionamento é sinxelo. As persoas interesadas inscríbense ofertando uns servizos e/ou coñecementos, indicando o tempo de que dispoñen e demandando outros que necesiten. A cantidade de tempo prestado e recibido debe manterse nun certo equilibrio, non permitíndose saldos negativos por debaixo do valor que cada banco estableza.

As persoas responsables do Banco do Tempo Municipal, neste caso dende a Concellería de Benestar, poñerán en contacto ás persoas inscritas e levarán un rexistro de todos os intercambios realizados. Tamén se organizarán actividades para a dinamización do banco.

Necesidades da vida cotiá
O Banco do Tempo é un instrumento para impulsar a vida comunitaria, fomentando valores solidarios de igualdade e cooperación. Está encamiñado a resolver necesidades da vida cotiá e mellorar a calidade de vida da cidadanía. Promove o cambio social, propiciando a integración de todos os sectores da poboación e impulsando o intercambio xeracional, dende a premisa de que todos temos algo importante que aportar.

Para poder participar, en primeiro lugar, realizarase unha entrevista á persoa interesada, na cal se lle explicarán as normas de funcionamento, dereitos, e deberes, dinámica dos intercambios, e afondarase tanto nas necesidades como nas potencialidades que a persoa manifeste. Os interesados só teñen que chamar por teléfono (981 542 465 Ext: 42483) contactar vía correo electrónico (bancodotempo@santiagodecompostela.gal) ou acudir a oficina do Banco do Tempo situada na Concellaría de Benestar Social e Muller (Isaac Díaz Pardo 2-4 - Zona Galeras). Estase a preparar unha páxina web específica para o Banco.

Xa hai sete persoas apuntadas neste Banco que acaba de arrincar, que demandan e ofrecen servizos de coidado de nenos ou clases de cociña e inglés, entre outras actividades. Destes primeiros usuarios, a maioría son mulleres e a súa idade oscila entre os 30 e os 40 anos.

Conciliación da vida persoal, familiar e laboral
O Banco do Tempo inscríbese no marco da instauración en Galicia das Medidas Municipais de Conciliación e de acordo coa necesidade de harmonizar os tempos da vida das persoas de cara a elevar así o benestar da cidadanía.

Galicia e pioneira en lexislar en este tipo de medidas. Así se manifestou coa entrada en vigor da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do Traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Posteriormente veu a luz o Decreto 182/2008, do 31 de xullo, no cal se establece a Promoción Autonómica das Medidas Municipais de Conciliación.

Este decreto contempla a creación dos Bancos do Tempo, definidos coma un sistema de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos nos que o valor de cambio é o tempo e a unidade de medida a hora. Teñen por finalidade favorecer ás persoas a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral.

Compartir: