ALCALDÍA

O alcalde imparte unha conferencia a descendentes de emigrantes galegos en Arxentina

04/05/2009 O presidente da Mancomunidade de Santiago e alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, impartiu unha charla aos alumnos do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires, onde estudan perto de mil rapaces e rapazas, maioritariamente fillos de emigrantes galegos.

Sánchez Bugallo explicou aos alumnos de secundaria a historia de Santiago de Compostela dende as súas orixes como centro de peregrinación ata a actualidade. Ao remate da charla atendeu as numerosas preguntas do alumnado, que se amosou curioso por saber cómo se viven en Galicia temas de actualidade como o conflito lingüístico ou a crise económica. Ademais preguntaron, sempre en galego, cales son as inquedanzas do Goberno municipal en materia de ecoloxía e urbanismo ou cales son as claves para xestionar o equilibrio social e económico da nosa cidade.

O Instituto Argentino-Galego Santiago Apóstolo, de financiación mixta e que conta co título de Excelencia Educativa, foi creado a través da Fundación Galicia América pola Xunta de Galicia no ano 1998 e está situado xunto ao Centro Galicia de Buenos Aires. É o primeiro centro educativo no que se imparten oficialmente materias curriculares.

Logo da visita ao Santiago Apóstolo, o alcalde, acompañado do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, e do alcalde de Brión, José Luís García, reuniuse co embaixador de España en Arxentina, Rafael Estrella, coa asociación de Amigos do Camiño de Santiago e coas directivas dos centros galegos na Delegación da Xunta en Bos Aires. Rematou a xornada cunha xuntanza cos empresarios de AEGA (Asociación de Empresarios Galegos de Arxentina).

Compartir: