ALCALDÍA

Encontro con 500 santiagueses na Casa de Vedra en Bos Aires

03/05/2009 Dentro da súa visita institucional a Bos Aires, o presidente da Mancomunidade de Santiago e alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou o domingo 3 de maio nun encontro con 550 persoas da colectividade emigrante de Santiago. Con eles departiu arredor da situación actual e dos proxectos de futuro da capital galega e dos concellos da Mancomunidade.

A Casa de Vedra, situada no barrio bonaerense de Caballito, é a sociedade que puxeron en funcionamento os primeiros emigrantes da comarca de Santiago que proviñan en gran parte do concello de Vedra como lugar de encontro, para promover a ensinanza e protexer aos socios con menos recursos. Chegou a contar cun xornal chamado "Unión de Teo y Vedra".

Na actualidade conta cunha oficina permanente de asesoramento a emigrantes, e nela impártense cursos relacionados coa cultura e o folclore galego, entre outras actividades. Presidida por Dora Pejito, a Casa de Vedra conta con máis de mil socios e en setembro de 2010 cumprirá 100 anos de existencia. Para celebrar esta efeméride estase a elaborar un libro que conta a historia da Casa e reúne fotografías dos seus fundadores e socios. O historiador Jorge Cerdeira, de Vedra, está a coordinar a elaboración desta publicación.

Ademais de Bugallo, no encontro participaron o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias; o alcalde de Brión, Xosé Luis García; o alcalde de Vedra, Odón Cobas; o tenente alcalde de Boqueixón, Xosé Manuel Iglesias e o concelleiro de Obras de Boqueixón, Jesús Sanjuás. Os representantes da Mancomunidade resaltaron o papel fundamental da emigración na preservación da cultura e da tradición galegas e reiteraron o afecto e o recoñecemento de Galicia á colectividade emigrante.

Sánchez Bugallo sinalou que os galegos residentes na Arxentina foron sempre "unha referencia permanente" na maioría das familias galegas. Ademais destacou que o centenario da Casa de Vedra coincide co Ano Xacobeo de 2010, polo que agarda poder celebrar conxuntamente ambos eventos con aqueles que tiveron que marchar de moi novos a traballar fóra do seu país.

Na mesma xornada o alcalde de Santiago tivo un encontro informal co vicexefe do Gabinete da Nación, Óscar González.

A axenda institucional de Bugallo para o luns 4 de maio é apertada: está prevista unha conferencia dirixida aos rapaces de Secundaria do Colexio Santiago Apóstolo, unha visita ao Centro Galicia, un almorzo co embaixador de España en Arxentina, Rafael Estrella, un encontro coa asociación de Amigos do Camiño de Santiago e coas directivas dos centros galegos na Delegación da Xunta en Bos Aires, e por último unha xuntanza cos empresarios de AEGA (Asociación de Empresarios Galegos de Arxentina).

Compartir: