CONVENIOS

O Concello e a USC asinan un convenio de colaboración urbanística

10/03/2005 O Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, e o Alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, subscribiron na Casa do Concello un convenio que orienta a reordenación urbanística do campus sur.

O Concello e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron o xoves 10 de marzo un convenio de colaboración urbanística mediante o cal a USC achega un documento de diagnose, definición de obxectivos e propostas de ordenación referentes ao campus sur para a súa toma en consideración de cara aos traballos de revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

A través deste acordo oriéntase a ordenación interior e de lindes do campus sur durante o período de vixencia do novo PXOM, e que afectará a unhas cen vivendas e aos espazos deportivos próximos á estrada de Noia. Durante a sinatura do convenio, o Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, resaltou que esta é "a única proposta que se incorpora dentro do PXOM", o que da unha idea da súa importancia.

Sánchez Bugallo explicou que durante os meses previos á materialización deste convenio barallouse a posibilidade de crear un novo campus sur, pero finalmente optouse por conxugar no mesmo entorno do campus sur o que será o campus das Ciencias da Saúde.

Pola súa banda, o Reitor da USC, Senén Barro, declarou que este convenio é "excepcional pola súa transcendencia para a Universidade e para a cidade". Tanto o Alcalde como o reitor da USC coincidiron en sinalar que a construción dos novos edificios neste futuro campus científico-tecnolóxico é "inminente".

Nas cláusulas do convenio especifícase que o Concello cede á Universidade a parcela EU-7, dentro do SUP-5, destinada á construción do Campus de Ciencias da Saúde, onde se reubicarán as facultades de Odontoloxía, Medicina e Enfermería, así como algunhas das parcelas anexas. Tamén está previsto que no novo PXOM se formule unha localización para reubicar aos veciños que habitan nos terreos da USC.

Ademais, o acordo establece que no cadro da revisión do Plan xeral de Ordenación Urbana se procederá a unha modificación do Plan Especial do Campus Sur que reaxuste o seu ámbito, posibilitando a recuperación do contorno natural do río Sarela e a incorporación de máis terreos dos inicialmente previstos no contorno do Hospital Clínico.

Compartir: