CULTURA

O ciclo Sons da Diversidade trae a Compostela o "Projecto Miño"

24/04/2009 O ciclo Sons da Diversidade, organizado pola concellaría de Cultura, presenta o domingo 26, ás 21:00 horas., no Auditorio de Galicia, o Projecto Miño do Baldo Martínez Grand Ensemble, que estará acompañado nesta ocasión polo mestre zanfoñista francés Valetín Clastrier.

Projecto Miño é un unha das obras máis emocionantes, ambiciosas, exuberantes e intelixentes que viviu a música dunha e doutra beira do Miño nos últimos tempos. Síntese coral do jazz máis avanzado e da tradición máis arcaica, a beleza melódica e o caudal rítmico da aposta creativa do Baldo Martínez Grand Ensemble, convirten este proxecto nunha monumental homenaxe ás músicas tradicionais populares que xorden arredor do Miño, fundíndoas coa música contemporánea, dándolles vida co alento da vangarda.

Nove músicos cunha variedade tímbrica sorprendente poñen en escena o Projecto Miño. Baixo a dirección de Baldo Martínez, actúan Maite Dono, German Díaz, Chiaki Mawatari, David Herrington, Antonio Bravo, Alejandro Pérez, Pedro López e Lucia Martínez. Todos eles destacan dentro do panorama musical internacional e teñen a capacidade creativa precisa para reinterpretar, dende a modernidade, a identidade musical popular.

Presentado en novembro de 1999 no Festival de Guimaraes, o Projecto Miño funde a música que se fai dunha e doutra beira do río nun conxunto de pezas orixinais baseadas en cancioneiros de música tradicional do norte de Portugal, de Pontevedra, de Ourense e de Zamora. O resultado é unha obra persoal e convincente, enmarcada dentro das correntes actuais do jazz europeo e cunha raíz autóctona moi forte. A calidade artística do proxecto foi recoñecida pola revista Jazz Magazine, que o escolleu como un dos mellores discos de xaneiro de 2008, e pola SGAE, que o nominou como mellor álbum de jazz para os Premios da Música de 2008.

Compartir: