EDUCACIÓN

O Foro 2010 traerá a Santiago unha reunión do Grupo de Alto Nivel da Alianza das Civilizacións

24/04/2009 O Consello da Cultura Galega acolleu a III Reunión do Comité Organizador do Foro 2010, que segue a preparar o evento que se desenvolverá en Santiago do 9 ao 13 de decembro de 2010.

A concelleira accidental de Educación, Mercedes Rosón, representou ao Concello na xuntanza preparatoria deste Foro 2010, que conta co apoio municipal. No comité organizador, presidido por Federico Mayor Zaragoza, están representadas a Xunta e a Universidade de Santiago, así como diversas entidades, institutos e centros de educación e investigación para a paz de España e Portugal, e sindicatos e organizacións profesionais.

O Foro 2010 terá lugar do 9 ó 13 de Decembro do ano 2010. Nel coincidirán diferentes eventos internacionais, coma un Foro Mundial de Educación sobre "Educación, investigación e cultura de Paz". En Santiago reuniranse tamén os membros do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas sobre a Alianza de Civilizacións.

Outras actividades previstas son unha reunión balance do Decenio da Cultura da Paz e a non violencia proclamado pola ONU (2001-2010) e dous congresos internacionais sobre "O dereito humano á paz" e "Información e dereitos humanos". É probable igualmente unha reunión da rede internacional de museos da paz, xunto con distintas actividades artísticas e culturais en relación coa paz e a non violencia.

Máis información en www.foro2010.org

Compartir: