CONSORCIO

Unha nova publicación rememora a vida musical da Compostela de finais do XIX

23/04/2009 La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX é o título do novo libro de María García Caballero, publicado polo Consorcio en colaboración con Alvarellos Editora. A publicación foi presentada polo alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, dentro dos actos de conmemoración do XXX aniversario das corporacións democráticas.

Os lectores de La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX xa poden achegarse a unha Compostela na que a música comeza a transcender os espazos habituais relixiosos, especialmente os relacionados coa Catedral e coa súa Capela de Música. Ábrese así a novas manifestacións máis laicas e urbanas, ligadas á unha ideoloxía en auxe como é a que representa o Rexionalismo.

É esta a época da creación da Escola de Música da Sociedade Económica de Amigos do País, antecedente do actual Conservatorio Histórico de Santiago. A autora deste traballo de investigación, María García Caballero, achéganos a través de once capítulos un mundo apenas recollido pola bibliografía especializada.

Centenares de datos, anécdotas, cifras e nomes propios constitúen un ilustrativo estudo que nos traslada polos costumes e formas de vida dun tempo convulso e histórico como é o da Restauración. Un tempo no que, da man desta doutora en Musicoloxía, imos descubrindo a actividade musical de tunas, orfeóns e rondallas, óperas e zarzuelas, concertos, sociedades recreativas, verbenas, romarías, bailes, cafés-concerto e ata unha Banda Municipal en auxe. Compostela rexistra no campo musical exemplos de todas estas manifestacións musicais que eran habituais no último terzo do XIX, do mesmo modo que noutras cidades de provincias de semellante importancia.

Para levar a cabo este estudo foi preciso recorrer aos documentos dispoñibles, tanto manuscritos como impresos, dos fondos do Arquivo Municipal, do Arquivo da Catedral, do Arquivo da Sociedade Económica e do da Banda Municipal, así como a documentos dos fondos da Hemeroteca da Universidade, da Biblioteca Penzol, do Museo de Pontevedra e do Arquivo do Círculo Mercantil.

Acompañaron ao alcalde nesta presentación o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo; a autora do libro, María García Caballero; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o editor, Henrique Alvarellos. O acto contou coa actuación musical dos integrantes da Escola Municipal de Música.

Compartir: