EDUCACIÓN

Os escolares de primaria composteláns deseñarán o logotipo do novo aparcadoiro público da Choupana

23/04/2009 A Concellería de Educación colabora coa empresa Metrovacesa, a través da súa filial de aparcadoiros Metropark, na organización dun concurso de pintura para elixir o logotipo do novo aparcadoiro público da Choupana, situado a carón do Hospital Clínico.

Este concurso está dirixido a escolares de educación primaria dos centros de ensino de Santiago, con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos. O gañador do concurso recibirá como premio un ordenador portátil.

O prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o 30 de abril. Os debuxos deberán ser enviados ao Departamento de Educación do Concello de Santiago (rúa do Vilar 13, 1º). Máis información no teléfono 981 554 400 ou na dirección de correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

400 prazas rotatorias
O aparcadoiro da Choupana paliará os habituais problemas de aparcadoiro para os usuarios do Hospital Clínico. Contará con 401 prazas rotatorias, distribuídas en dúas plantas de soto. Trátase dun complexo -situado no ámbito do polígono 2 do SUP-5 da Choupana- que contará con elementos para facilitar o uso das instalacións por persoas con problemas de mobilidade. O seu orzamento de execución foi de 2.833.213 euros.

A superficie de actuación foi de 6.350 metros cadrados. O aparcadoiro disporá de dous accesos de vehículos e de cinco accesos peonís. A construción do aparcadoiro acompañouse doutras melloras, como o acondicionamento da cuberta como zona verde e de usos deportivos e a construción dun novo vieiro e unha rotonda.

Compartir: