XUNTA DE GOBERNO

Listas para o seu comezo outras nove obras do Fondo de Investimento Local

23/04/2009 A Xunta de Goberno, en sesión extraordinaria, elevou a definitivas as adxudicacións de nove obras máis das financiadas polo Fondo de Investimento Local. Así, están xa listas para comezar as reurbanizacións das rúas Trinidade, Belvís, Olvido, Pérez Constante, Curros Enríquez, Londres e do tramo das rúas Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire. Tamén se iniciará a reforma do centro sociocultural de Laraño e a rehabilitación do pavillón polideportivo de Quiroga Palacios.

Destaca polo seu importe, 2.155.172 euros máis IVE, a obra de reurbanización da rúa Londres, en Fontiñas, que seguirá un modelo estético semellante á da xa reformada rúa Berlín. O prazo de execución desta obra é de 216 días. Igualmente significativo é o investimento de 1.293.103 euros no tramo da avenida de Vilagarcía e das rúas García Prieto e Sánchez Freire, cuxas obras se realizarán en 216 días.

Noutro ámbito da cidade, na zona histórica, comezaranse a executar tres obras de reurbanización: rúa da Trindade (629.685 euros e 216 días), rúa Belvís (518.521 euros e 216 días) e espazo público da rúa Olvido (862.068 euros e sete meses e seis días).

Ademais, adxudicáronse definitivamente as obras das dúas primeiras rúas, do total de seis, que se van a reurbanizar no Ensanche vello. Trátase das rúas Pérez Constante e Curros Enríquez, por importe de 307.353 e 731.835 euros, respectivamente. O prazo para a primeira obra é de cinco meses e, para a segunda, de 162 días.

Finalmente, xa pode comezar a reforma e ampliación do Centro Sociocultural de Laraño (344.827 euros e un prazo de execución 6,3 meses) e a rehabilitación e mellora do Polideportivo Quiroga Palacios (296.401 euros e 108 días).

Documentos relacionados



Compartir: