VIVENDA E SOLO

O impulso da área produtiva e loxística da Sionlla será "prioritario" para a Consellería de Vivenda e Solo

19/10/2005 A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo mantiveron unha xuntanza onde abordaron o desenvolvemento do solo industrial e urbano de Santiago.

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas Veleiro, mantivo unha reunión de traballo, segundo calificou, "moi frutífera de colaboración" co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, o director xeral de Vivenda e Solo, Daniel Pino; a directora xeral de Fomento e de Calidade da Vivenda, Encarna Otero, e o concelleiros de Urbanismo e Promoción Económica, Luis Toxo e Xosé Manuel Iglesias, respectivamente. Durante a xuntanza, que tivo lugar na sede da propia consellería o mércores 19 de outubro, abordouse, entre outros asuntos, o desenvolvemento do solo industrial e urbano de Santiago.

Así, fíxose un repaso a todos os convenios que se están a poñer en marcha entre o concello e as consellerías. Son quince polígonos os que se están a desenvolver entre ambos organismos, unhas 4.700 vivendas en total. Durante a reunión acordouse crear un consorcio entre o Concello e a Consellería para desenvolver o polígono industrial de A Pulleira, onde está prevista a construcción de 2.000 vivendas.

Durante o encontro falouse tamén de manter as liñas de colaboración dentro do PXOM e de impulsar, por parte da Consellería de Vivenda e Solo, o Polígono Industrial de Lavacolla. Así mesmo, o alcalde compostelán e a conselleira de Vivenda sinalaron que a Cidade de Transporte se chamará agora área productiva e loxística da Sionlla, que será agora unha área prioritaria, segundo sinalou Teresa Táboas.

Así mesmo, por parte da Consellería de Vivenda e Solo, darase resposta aos requerimentos do Concello fai en torno á necesidade de solos produtivos e industriais.

Compartir: