COMERCIO

Vinte e catro comercios na edición de Primavera do Concurso de Escaparatismo

22/04/2009 Na edición de Primavera do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2009, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica e Comercio, inscribíronse 24 comercios de Santiago pertencentes a 14 sectores distintos.

Entre os comercios participantes predominan os de téxtil e confección, calzado e decoración. A lista de inscritos tamén inclúe estabelecementos de artesanía, agasallos, óptica, alimentación, deportes, xogueterías, floristerías, xoierías, copisterías, tendas de produtos para animais, e estabelecementos especializados en puericultura. O obxectivo do certame é contribuír á dinamización e mellora dos comercios en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes comenza o período de exposición dos comercios. Está previsto que ata o 30 de abril, unha equipa de profesionais fotografíe os escaparates e o interior dos estabelecementos. Este material será estudado por un xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia. Á hora de establecer os premios, valorarase especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos locais comerciais. Neste senso é importante subliñar que no concurso prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Este ano a Concellaría de Promoción Económica e Comercio destina 36.580 euros a premios, que se repartirán entre os doce gañadores do Concurso de Escaparatismo: tres premiados por cada unha das catro edicións das que consta o certame: Primavera, Verán, Outono e Nadal. Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados.

Compartir: