MOBILIDADE E INFRAESTRUTURAS

As obras do túnel do Hórreo obrigan a deixar dous carrís no tramo inicial de Romero Donallo durante vinte días

22/04/2009 As obras do túnel do Hórreo entran nunha nova fase que obrigará a derrubar a mediana da rúa Romero Donallo e a deixar o primeiro tramo desta con dous carrís por un período aproximado de tres semanas. Esta actuación, destinada a repoñer a rede de colectores da zona, comezará o luns 27.

As obras na rede de colectores, que implicarán a construción dun marquetón de 4,5 metros, farán que se retire a mediana de Romero Donallo o luns 27 para poder ordenar mellor os carrís. A partir deste día, unicamente haberá un carril de subida e outro de baixada no tramo da rúa que vai dende a gasolineira ao cruce con Santiago de Chile. O resto de Romero Donallo quedará igualmente con dous carrís en cada sentido.

Bernardino Rama recordou o inevitable dos problemas de tráfico xerados por esta obra, pero incidiu en que o Concello "vén traballando e traballará en xerar o menor impacto posible". Recordou a complexidade das obras, se ben dixo que, "van valer a pena, porque o túnel vai dar unha axilidade ao tráfico e permitirá gañar calidade de vida aos veciños da zona".

Itinerarios alternativos
Preguntado polo vieiro de Cornes, o concelleiro indicou que "sería unha irresponsabilidade telo aberto xa", posto que os técnicos municipais detectaron unha serie de deficiencias nos colectores que impedían a recepción da obra polo Concello. A empresa encargada das obras de urbanización neste solo residencial están traballando na solución destes defectos. Unha vez constatada esta, o Concello recibirá a obra e procederá a abrir o vieiro.

En calquera caso, recordou o xefe da Policía Municipal, Norberto Villaverde, a necesidade de utilizar itinerarios alternativos para non ter que pasar pola rotonda da Galuresa. Pola mesma, dixo, pasan incluso agora en obras 35.000 vehículos diarios.

Villaverde insistiu na conveniencia de usar a AP-9, libre de peaxe no seu tramo urbano. Tamén se referiu á posibilidade de utilizar a rúa Clara Campoamor (vieiro Sar-Pontepedriña) para os que circulen de norte ao sur da cidade, para así pasar da zona do Paxonal á avenida de Lugo sen achegarse á zona da obra.

Documentos relacionados



Compartir: