ALCALDÍA

Os máis novos debateron sobre as súas preocupacións nun pleno especial

21/04/2009 Os mozos foron protagonistas da segunda xornada de portas abertas, incluída nos actos de celebración do XXX aniversario das corporacións democráticas. Alumnos do IES Antón Fraguas exerceron de concelleiros nunha sesión plenaria moi especial, chea de naturalidade e de reivindicacións.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, deulle a benvida aos mozos e presidiu este Pleno municipal. Con maior ou menor timidez, os alumnos do IES Antón Fraguas realizaron as súas reivindicacións e deron renda solta á súa curiosidade nunha sesión na que a orde do día contiña algúns dos temas que máis lles afectan.

A orde do día comezou dando conta das actuacións municipais en relación coa problemática do botellón, para a continuación analizar as políticas do Concello en materia deportiva e detectar as posibles necesidades. Outros temas tratados foron os intercambios educativos ou estanzas lingüísticas no estranxeiro e o funcionamento dos locais de ensaio. Despois de facer públicos os desexos dos mozos composteláns para o ano 2010 –maioritariamente de grandes concertos-, pechou a sesión un debate sobre o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo.

Actos conmemorativos do XXX aniversario das corporacións democráticas
Esta xornada de portas abertas foi a segunda celebrada no Concello para conmemorar o XXX aniversario das corporacións democráticas. Durante a mañá, foron pasando por Raxoi os alumnos de Primaria dos diferentes colexios da cidade. Xa pola tarde, nas horas reservadas ao público en xeral, diversos colectivos e persoas a título individual quixeron coñecer as dependencias municipais, sempre acompañados por guías.

O acto institucional para celebrar este XXX aniversario celebrarase o mércores 22, ás 19:00 horas, no Salón Nobre da Casa do Concello. O alcalde recibirá ás corporacións democráticas dende 1979 a 2007. Ademais, haberá un recoñecemento expreso aos alcaldes do Concello de Santiago dende 1979: José Antonio Souto Paz (1979-1981), Marcial Castro Guerra (1981-1983), Xerardo Estévez Fernández (1983-1986 e 1987-1998) e Ernesto Viéitez Cortizo (1986-1987).

A continuación, concerto no Auditorio da Real Filharmonía de Galicia coa soprano Mélanie Diener. Antonio Ros Marbà dirixirá á orquestra nun concerto no que se interpretarán obras de Wagner, Strauss e Ravel.

Para rematar cos actos, o xoves 23, ás 20:00 horas, presentarase no auditorio do Museo do Pobo Galego o libro La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX. O acto contará cunha actuación musical.

Compartir: