TURISMO

Turismo de Santiago xerou 11.425 pernoctacións grazas á Campaña de Desestacionalización

21/04/2009 Turismo de Santiago xerou 11.425 pernoctacións en hoteis da cidade entre novembro do 2008 e marzo do 2009, segundo os datos que fixo públicos o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Estes datos fan desta edición da Campaña de Desestacionalización a de mellores datos das que se teñen levado a cabo. Supoñen un crecemento do 116% respecto das 5.276 da campaña anterior.

Nos último trimestre do 2008, ante a situación de crise económica internacional que está afectar ao sector turístico, provocando viaxes máis próximas no espazo e curtas no tempo, Turismo de Santiago tomou dúas decisións concretas que incidiron directamente nos resultados conseguidos. Por unha banda duplicou o orzamento da Campaña de Desestacionalización e asinou un convenio de colaboración coa Axencia de Viaxes El Corte Inglés, a axencia máis importante do Estado, que estará en vigor entre novembro do 2008 e novembro do 2009.

Ata a data, a campaña con mellores resultados fora a celebrada entre novembro do 2004 e marzo do 2005, na que se incluían meses do Ano Santo Compostelán 2004, e que alcanzou 10.967 pernoctacións. Nos anos posteriores déronse os seguintes resultados: campaña 2005 - 2006, 8.621 pernoctacións; campaña 2006 - 2007, 5.374; campaña 2006 - 2007, 5.374; campaña 2007 - 2008, 5.276.

Sete touroperadores e gastronomía
Na campaña de desestacionalización participaron sete touroperadores, o maior número dos programas feitos ata o momento. Foron Costas Galicia, Transhotel, Soltour, Viagal, Hotelbeds, Atrápalo e Compostur, o propio touroperador de Turismo de Santiago. Por primeira vez, desenvolvéronse campañas de promoción concretas naqueles destinos internacionais cos que hai conexións directas de baixo custe: París, Londres, Roma e Francfurt. Ademais, a través do convenio de colaboración coa Axencia de Viaxes El Corte Inglés, a máis importante do Estado, fixéronse dúas campañas de publicidade na Península Ibérica, unha no mes de decembro e outra no mes de xaneiro.

Dentro da Campaña de Desestacionalización, Turismo de Santiago deseñou unha serie de actividades enogastronómicas para complementar a oferta da cidade, seguindo a aposta por este tipo de turismo. Foron dez catas de viños das denominacións de orixe galegas e cerverxas Estrella Galicia, maridados con produtos galegos, e dez talleres de cociña para nenos e cinco "Merco e cociño con...", nas que participaron os cociñeiros Marcelo Tejedor, Iago Castrillón, Pepe Solla, Pedro Roca e Beatriz Sotelo.

O número total de participantes nestas actividades foi de 730 persoas. A maior parte dos participantes nestas actividades procedían de Galicia. Pero tamén houbo participantes do resto do Estado e de países como Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, Estados Unidos ou México.

Compartir: